- O concurso, promovido conxuntamente por Sogama e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, oriéntase exclusivamente aos centros educativos que participan nesta iniciativa.
- A través do mesmo recoñeceranse os mellores carteis sobre reciclaxe, valorando especialmente a difusión do propio concepto, así como os seus beneficios para o medio ambiente e a saúde.
- Establécense tres galardóns, dotados con 1.000, 600 e 300 euros, que os centros gañadores deberán investir en material e/ou accións educativas.
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 5 de maio.
Cerceda, a 20 de abril de 2021.- Sogama e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade lanzaron conxuntamente a convocatoria dos premios escolares correspondentes ao programa educativo “Recíclate con Sogama” 2020-2021, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
O concurso premiará os mellores carteis sobre reciclaxe elaborados polos centros educativos de primaria que participan na actual edición deste programa. Valorarase especialmente a difusión do concepto de reciclaxe, os seus beneficios e a necesidade de contribuír á mesma para lograr unha contorna máis limpa e saudable.
Establécense tres categorías para os premios: unha para 1º e 2º de educación primaria; outra para 3º e 4º; e outra máis para 5º e 6º. Cada centro elixirá os carteis que o representarán (un por categoría) e remitiraos escaneados a Sogama. Só se admitirá un cartel por cada categoría, é dicir, tres carteis por centro.
O cartel debe levar un título, así como un pequeno texto descritivo no que o/a alumno ou alumna deixe constancia da súa mensaxe. Valorarase a calidade do cartel, a creatividade e orixinalidade, a claridade na redacción do texto para facilitar a súa comprensión, así como o impacto positivo do traballo de cara a contribuír á concienciación da poboación sobre a importancia de separar os refugallos en orixe e depositalos no contedor correspondente para propiciar o seu posterior reciclado.
GALARDÓNS
O xurado estará conformado polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira Lema, e dous vogais (un de Sogama e outro da Consellería de Cultura, Educación e Universidade).
O primeiro premio estará dotado con 1.000 euros, o 2º con 600 e, o 3,ºcon 300 euros. En todos os casos, o importe económico deberá investirse en material e/ou accións educativas para cada centro. O/a alumno/a autor/a do cartel recibirá un diploma e unha bolsa con merchandising de Sogama.
O prazo para a presentación de candidaturas concluirá o próximo 5 de maio.
Saúdos, Departamento de Comunicación