- O concurso, circunscrito á elaboración dunha obra de arte con materiais de refugallo, conta coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
- O obxectivo desta iniciativa é promover o interese do alumnado pola reutilización e a reciclaxe, e demostrar, con exemplos prácticos, que os residuos poden albergar un gran potencial e ser transformados en recursos, ata en auténticas obras de arte.
- O xurado, conformado por representantes de Sogama e da Consellería de Educación, valorará, entre outros criterios, a porcentaxe do uso de materiais de refugallo, a creatividade e orixinalidade da obra, a mensaxe a transmitir, así como o valor artístico e estético da mesma.
- Establécense tres premios. O primeiro deles contempla unha viaxe ao parque acuático de Cerceda, asumindo Sogama o custo do autobús e das entradas ao recinto para 50-55 escolares.
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 29 de abril.
Cerceda, a 18 de febreiro de 2019.- No marco do programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e cuxo obxectivo é promover a reciclaxe nas aulas, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, convocou os premios correspondentes á edición 2018-2019, podendo presentar a súa candidatura aos mesmos os 25 centros de Educación Primaria que participan nesta iniciativa.
O concurso circunscríbese á elaboración dunha obra de arte con materiais de refugallo, sendo o seu obxectivo promover o interese do alumnado pola reutilización e a reciclaxe, e demostrar, con exemplos prácticos, que os residuos poden albergar un gran potencial e ser transformados en recursos, ata en auténticas obras de arte cun alto valor creativo.
A temática a abordar será libre, pero sempre debe levar implícito o concepto de reutilización. A fin de acreditar e evidenciar o traballo realizado, os centros deben aportar tres fotos do seu proxecto, xunto cuns datos básicos: información do colexio (dirección, teléfono, correo electrónico, etc), identificación do profesor/a que exerce os labores de coordinación, relación de docentes participantes, título da obra, mensaxe a transmitir, tipos de residuos utilizados na mesma, así como as cantidades e porcentaxes de cada material.
AVALIACIÓN E PREMIOS
A avaliación das candidaturas correrá a cargo dun xurado conformado por representantes de Sogama e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Entre os criterios a valorar, priorizarase a porcentaxe do uso de materiais de refugallos, a creatividade e orixinalidade da obra, a mensaxe a transmitir, así como o potencial artístico e estético da mesma.
O primeiro premio consistirá nunha viaxe ao parque acuático de Cerceda (A Coruña), encargándose Sogama de financiar o aluguer do autobús e as entradas para un total de 50-55 alumnos/as. No caso do segundo premio, Sogama asumirá o custo do aluguer dun autobús (50-55 prazas) para que o colexio agraciado poida viaxar a calquera punto de Galicia co fin de gozar, no lugar elixido, dunha xornada formativa e de lecer. E o terceiro premio consistirá nunha tablet para o centro.
Nos tres supostos, os colexios recibirán igualmente, de mans de Sogama, o correspondente diploma acreditativo.
O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 29 de abril e deben ser remitidas ao seguinte enderezo de correo electrónico: comunicacion@sogama.es.
CENTROS PARTICIPANTES EN “RECÍCLATE CON SOGAMA” 2018-2019
Pola provincia de Pontevedra:
- CEIP de Conmeniño, en O Grove.
- CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, de Salvaterra do Miño.
- CEIP Xulio Camba, de Vilanova de Arousa.
- CEIP Plurilingüe Possumus, de Vigo.
- CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, de As Neves.
- CEIP de Rubiáns, de Vilagarcía de Arousa.
- CEIP Plurilingüe Nº2, de Tui
- CEIP Plurilingüe Froebel, de Pontevedra.
Pola provincia da Coruña:
- CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, de Narón.
- CEIP Plurilingüe de Outes, de Serra de Outes.
- CEIP Lamas de Abade, de Santiago de Compostela
- CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol.
- CEIP Labarta Pose, de Zas.
- CEIP Martagona, de Melide.
- CEIP Plurilingüe de Artes, de Ribeira.
- CEIP Barrié de la Maza, de Santa Comba.
- CEIP Plurilingüe La Salle, de Santiago de Compostela.
- CEIP de Caión, de Laracha.
Pola provincia de Ourense:
- CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense
- CPR Plurilingüe Divina Pastora, de O Barco de Valdeorras
- CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, de O Barco de Valdeorras
Pola provincia de Lugo:
- CEIP Illa Verde, de Lugo
- CEIP Albeiros, de Lugo
- CPI San Tomé do Carballo, de Taboada
- CEIP de San Cosme, de Barreiros
Saúdos, Departamento de Comunicación