- Coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o concurso contempla a elaboración dunha obra de arte con materiais de refugallo.
- O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor os residuos e evidenciar, con exemplos prácticos, que estes poden albergar un gran potencial e ser transformados incluso en recursos artísticos.
- O xurado analizará aspectos tales como a porcentaxe do uso de materiais de refugallos, a creatividade e orixinalidade da obra, a mensaxe a transmitir, así como o valor artístico e estético da mesma.
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 1 de abril.
Cerceda, a 6 de marzo de 2020.- No marco do programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e cuxo obxectivo é instaurar a reciclaxe nas aulas e promover a xestión sostible dos residuos urbanos no ámbito escolar e familiar, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, convocou os premios correspondentes á edición 2019-2020, estando orientados aos 25 centros de Educación Primaria que participan nesta iniciativa.
O concurso circunscríbese á elaboración dunha obra de arte con materiais de refugallo, sendo a súa pretensión evidenciar, con exemplos prácticos, que o lixo pode albergar un gran potencial e ser transformado incluso en arte.
A temática a abordar será libre, pero sempre debe levar implícito o concepto de reutilización. A fin de acreditar e evidenciar o traballo realizado, os centros que presenten a súa candidatura deben aportar unha ficha cunha serie de datos claves.
AVALIACIÓN E PREMIOS
A avaliación das candidaturas correrá a cargo dun xurado conformado por representantes de Sogama e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Entre os criterios a valorar, contémplase a porcentaxe do uso de materiais de refugallo, a creatividade e orixinalidade da obra, a mensaxe a transmitir, así como o potencial artístico e estético da mesma.
O primeiro premio consistirá nunha viaxe ao parque acuático de Cerceda (A Coruña) e entradas para acceder a este recinto de lecer e recreo por parte de 50-55 persoas. No caso do segundo premio, Sogama asumirá o custo do aluguer dun autobús (50-55 prazas) para que o colexio agraciado poida viaxar a calquera punto de Galicia elixido co fin de gozar dunha xornada formativa e de recreo. O terceiro premio consistirá nunha tablet para o centro.
Adicionalmente, todos eles recibirán o correspondente diploma acreditativo. Así mesmo, poderán concederse accésits a aqueles colexios que, sen ser gañadores, destacasen polo seu esforzo, orixinalidade e creatividade.
O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 1 de abril e deben ser remitidas ao seguinte enderezo de correo electrónico: comunicacion@sogama.es.
CENTROS PARTICIPANTES EN “RECÍCLATE CON SOGAMA” 2019-2020
Provincia da Coruña:
- CEIP Milladoiro, de Malpica de Bergantiños.
- CEIP Plurilingüe Unión Mugardesa, de Mugardos.
- CEIP de Ponzos, de Ferrol.
- CEIP Manuel Fraga Iribarne, de Cariño.
Provincia de Pontevedra:
- CEIP Santo André de Xeve, de Pontevedra.
- CEIP Plurilingüe Paraixal, de Vigo
- CEIP Pérez Viondi, de A Estrada
- CEIP Plurilingüe Florida, de Sanxenxo
- CEIP de Fonte Escura, de Vigo
- CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo
- CEIP Plurilingüe Souto-Donas, de Gondomar
- CEIP Plurilingüe Javier Sensat, de Vigo
- CEP Santa Mariña, de Redondela
- CEIP Plurilingüe de Guillarei, de Tui
- CEIP San Tomé, de Cambados
- CEIP Virxe do Rocío, de Vigo
- CEIP Plurilingüe da Carrasqueira, de Vigo
Provincia de Lugo:
- CEIP de Currelos, de O Saviñao
- CEIP Otero Pedrayo, de Rábade
Provincia de Ourense:
- CEIP Manuel Sueiro, de Ourense
- CEIP Bibei, de Viana do Bolo
- CEIP Plurilingüe Ribadavia, de Ribadavia
- CEIP Saco e Arce, de Toén
- CEIP Plurilingüe María Inmaculada, de Verín
- CEIP Virxe da Pena da Sela, de O Irixo
Saúdos, Departamento de Comunicación