- Dou como resultado a adopción do Marco mundial Kunming-Montreal da diversidade biolóxica (GBF), cuxo obxectivo é abordar a perda de biodiversidade, restaurar os ecosistemas e protexer os dereitos dos Pobos Indíxenas
- O plan estratéxico do marco inclúe medidas concretas para deter e reverter a perda da natureza, así como propostas para aumentar o financiamento destinado aos países en desenvolvemento
- Son xa un millón de especies de plantas e animais as que están en perigo de extinción
Cerceda, a 22 de decembro de 2022.- A Conferencia das Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica (COP15), na que se deron cita as delegacións de 188 gobernos, finalizou o pasado luns, día 19, en Montreal (Canadá) cun acordo histórico para orientar as accións mundiais en favor da natureza de aquí a 2030.
Como resultado das actividades humanas, o Planeta está a sufrir a maior perda de vidas desde a época dos dinosauros, sendo xa un millón de especies de plantas e animais as que están en perigo de extinción.
Presidida por China e organizada por Canadá, a COP15 deu como resultado a adopción do Marco mundial Kunming-Montreal da diversidade biolóxica (GBF, polas súas siglas en inglés), cuxo obxectivo é abordar a perda de biodiversidade, restaurar os ecosistemas e protexer os dereitos dos Pobos Indíxenas.
O plan estratéxico do marco inclúe medidas concretas para deter e reverter a perda da natureza, incluída a protección do 30% do planeta e o 30% dos ecosistemas degradados para 2030, así como propostas para aumentar o financiamento destinado aos países en desenvolvemento, extremo que representou un importante obstáculo durante as conversacións.
MARCO MUNDIAL
O Marco consta de catro obxectivos globais para protexer a natureza: deter a extinción inducida polos seres humanos das especies en perigo de extinción, reducindo o ritmo e risco de extinción de todas as especies á décima parte para 2050; utilizar e xestionar a diversidade biolóxica de forma sostible, preservando as funcións e os servizos que os ecosistemas proporcionan ás persoas; compartir, de forma xusta e equitativa, os beneficios da utilización dos recursos xenéticos e información das secuencias dixitais; e que o acceso aos medios de implementación axeitados para aplicar plenamente o Marco sexa equitativo a todas as Partes, especialmente aos países en desenvolvemento.
FINANCIAMENTO
O financiamento desempeñou un papel crave na COP15, xa que se realizaron negociacións centradas en canto diñeiro enviarían os países desenvolvidos aos países en desenvolvemento para contrarrestar a perda de biodiversidade. Pediuse que o Fondo para o Medio Ambiente Mundial (GEF, polas súas siglas en inglés) establecese un fondo fiduciario especial (o Fondo do Marco mundial da diversidade biolóxica) coa pretensión de apoiar a aplicación do Marco e asegurar os fluxos financeiros de maneira suficiente, previsible e oportuna.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente