- Celebrarase na cidade colombina de Cali desde o vindeiro luns, 21 de outubro, ata o 1 de novembro, sendo a súa pretensión chamar á reflexión para mellorar a relación que temos co medio ambiente e para que repensemos un modelo económico que non priorice a extracción, sobreexplotación e contaminación da natureza
Cerceda, a 18 de outubro de 2024.- Desde o vindeiro luns, 21 de outubro, e ata o 1 de novembro, a cidade colombiana de Cali acollerá a Conferencia das Nacións Unidas sobre Biodiversidade (coñecida como COP16) que se desenvolverá baixo o slogan “Paz coa Natureza”, toda vez que se trata dun chamamento á reflexión para mellorar a relación que temos co medio ambiente e para que repensemos un modelo económico que non priorice a extracción, sobreexplotación e contaminación da natureza.
A COP, ou Conferencia das Partes, é o espazo de discusión e negociación máis importante do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica das Nacións Unidas (CDB). Nela, os países tratarán asuntos sobre a conservación da diversidade biolóxica, o uso sostible dos seus compoñentes, así como a repartición xusta e equitativa dos beneficios derivados da utilización dos recursos. Trátase de buscar solucións a problemas críticos do planeta.
A COP16 será a primeira trala adopción do Marco Global de Biodiversidade Kunming-Montreal, que tivo lugar na COP15 en decembro de 2022, e que funciona como unha folla de roteiro para que os 196 países parte do Convenio promovan accións a nivel nacional orientadas ao cumprimento dos seus 4 obxectivos e 23 metas co fin de deter e reverter a perda de biodiversidade para 2030. Entre estas, a ONU destaca as seguintes:
- Conservar alomenos o 30 % das zonas terrestres, mariñas e costeiras a nivel mundial.
- Someter a restauración a, alomenos, o 20 % de cada un dos ecosistemas de auga doce, mariños e terrestres degradados, con especial atención aos ecosistemas prioritarios.
- Reducir á metade a taxa de introdución doutras especies invasoras coñecidas ou potenciais.
- Reducir, alomenos á metade, os nutrientes que se perden no medio ambiente e en, alomenos dous terzos, as substancias químicas, en particular os praguicidas, prexudiciais para a diversidade biolóxica. Eliminar a vertedura de residuos plásticos.
- Minimizar o impacto do cambio climático na diversidade biolóxica, contribuír á mitigación, adaptación e resiliencia a través de Solucións Baseadas na Natureza e enfoques baseados nos ecosistemas.
- Un aumento de 200.000 millóns de dólares nos fluxos financeiros internacionais de todas as fontes cara aos países en desenvolvemento.
Antes da celebración da COP16 agárdase que os países participantes presenten a actualización das súas Estratexias e Plans de Acción Nacionais sobre Biodiversidade (NBSAPs, polas súas siglas en inglés), cos que se pretende levar a cabo unha planificación nacional e definir unha liña de implementación con metas e plans específicos.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: COP16