- Sogama entregou ao Concello unha nova partida de 100 composteiros que, sumados á anterior, posibilitará que 200 familias do termo municipal poidan participar nesta iniciativa.
- Condición indispensable é que habiten en vivendas unifamiliares con terreo no que aplicar o abono resultante.
- Un técnico desta empresa pública impartirá o vindeiro luns, 15 de marzo, un curso de formación sobre a autoxestión da materia orgánica, que terá lugar, ás 19:00 horas, no Edificio de Servizos Múltiples.
Cerceda, a 12 de marzo de 2021.- Da man de Sogama, o Concello de Coristanco decidiu estender o programa de compostaxe a outro cento de familias, chegando así ás 200 vivendas participantes.
A empresa pública entregou ao ente local 100 composteiros, con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que serán distribuídos entre outras tantas vivendas que cumpran cos requisitos, é dicir, que sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.
Desta forma, o Concello pretende poñer en valor a materia orgánica mediante a súa autoxestión, evitando o depósito da mesma no contedor verde convencional, o que lle permitirá aforrar custos, tanto ambientais como económicos.
Xunto cos composteiros, os participantes recibirán tamén manuais didácticos de consulta nos que se describe a técnica a aplicar, se detallan os pasos a seguir, se especifica o que debe e non debe depositarse no recipiente, e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes.
FORMACIÓN
De forma complementaria, o vindeiro luns, 15 de marzo, un técnico de Sogama desprazarase a Coristanco para impartir un curso destinado aos veciños adscritos a esta iniciativa. Terá lugar no edificio de Servizos Múltiples, ás 19:00 horas.
O monitor explicará a dinámica a seguir: desde a propia ubicación do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata o control de elementos de gran interese tales como osíxeno, temperatura e humidade.
Así mesmo, no transcurso deste encontró, os asistentes terán a oportunidade de despexar dúbidas e trasladar as súas observacións.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación