- A iniciativa, que se levará a cabo entre o 16 e o 24 de novembro, incluirá actividades presenciais e online co obxectivo de seguir contribuíndo á formación dos cidadáns no consumo responsable e a menor xeración de refugallos en orixe.
- Educadores ao servizo desta empresa pública impartirán sesións de sensibilización en distintos concellos, estando dirixidas de forma prioritaria ás asociacións veciñais.
- Os asistentes serán obsequiados con diverso material divulgativo e de merchandising.
- A nivel escolar, farase chegar aos centros educativos de primaria e secundaria unha presentación dinámica e interactiva na que se recollen consellos e recomendacións para a aplicación diaria e efectiva do principio europeo dos tres erres.
Cerceda, a 15 de novembro de 2019.- Como vén sendo habitual, Sogama participará, un ano máis, na Semana Europea da Prevención de Residuos, que nesta ocasión terá lugar entre o 16 e o 24 de novembro e centrarase específicamente na comunicación e a educación.
Farao coa súa iniciativa “Corta polo san! Reduce Residuos”, na que se incluirán actividades presenciais e online co obxectivo de seguir contribuíndo á formación dos cidadáns no consumo responsable e a menor xeración de refugallos en orixe.
PÚBLICO OBXECTIVO: ASOCIACIÓNS VECIÑAIS E ESCOLARES
Así, a empresa pública impartirá sesións de sensibilización en distintos concellos, estando dirixidas de forma prioritaria a asociacións veciñais, a quen se explicará a importancia de adquirir unicamente o necesario, de alongar a vida útil dos produtos e de separar correctamente os refugallos no fogar e depositalos nos contedores correspondentes a fin de propiciar o seu posterior reciclado.
Trasladaranse igualmente exemplos de boas prácticas coas que minorar a produción de residuos na compra, o fogar, o traballo e o tempo de lecer, prestando especial atención á diminución do desperdicio alimentario.
Tamén se falará da compostaxe da materia orgánica, toda vez que esta representa aproximadamente o 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo e da contaminación por plásticos, resultando prioritario prescindir dos plásticos de usar e tirar e optar por alternativas máis ecolóxicas e sostibles.
Tralas exposicións realizadas polos monitores, que estarán apoiadas con diferentes recursos didácticos e divulgativos, reservarase un espazo para o coloquio, o intercambio de coñecementos e opinións, así como a consulta de dúbidas.
Os veciños que asistan a estas xornadas formativas serán obsequiados con distintos materiais divulgativos e de merchandising.
Xa no ámbito escolar, farase chegar aos centros educativos de primaria e secundaria unha presentación dinámica e interactiva na que se aportan, dunha forma amena e lúdica, recomendaciones e consellos para a aplicación diaria e efectiva do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Esta ferramenta pedagóxica tamén estará a disposición dos internautas na páxina web da compañía www.sogama.gal e nas súas redes sociais.
http://www.sogama.gal/gl/campanha/corta-polo-san-reduce-residuos
Saúdos, Departamento de Comunicación