- Enxeñeira Técnica Industrial e Enxeñeira Química, malia a súa xuventude, conta cun exhaustivo currículo académico e altas capacidades contrastadas na compañía ENAGAS, onde exerceu diferentes cargos ata o seu nomeamento ao fronte desta empresa pública
- Entusiasta, comprometida, valente e con gran capacidade de liderado, tras case 11 anos de estancia en Barcelona e Madrid, cidades nas que desenvolveu parte da súa carreira profesional, regresa a Galicia para compartir o seu coñecemento, bagaxe, talento e experiencia
- Ademais de todo isto, Mirta Sueiro é a primeira muller que asume a dirección xeral de Sogama nos 30 anos de vida desta Sociedade
Santiago, a 30 de outubro de 2022.- A coruñesa Mirta Sueiro Costoya é, desde o pasado 24 de outubro, a nova directora xeral de Sogama, substituíndo no cargo a Isidro García Téllez, que cesou no seu posto tras acollerse á xubilación. Este cargo leva asociadas responsabilidades nas áreas técnica, I+D+i, prevención de riscos e recursos humanos, e depende orgánicamente da presidencia executiva da compañía, que ostenta, desde principios de 2015, o pontevedrés Javier Domínguez Lino.
Enxeñeira Técnica Industrial pola Universidade de Vigo e Enxeñeira Química pola de Santiago de Compostela, con Premio Extraordinario Fin de Carreira en ambas as dúas titulacións, así como premio ao mellor Proxecto Final de Carreira, o seu exhaustivo currículo académico refórzase cun Máster de Instrumentación e Control ISA-REPSOL, polo Centro Superior de Formación de Repsol Madrid, e un Máster en Xestión Empresarial pola Universidade Autónoma de Barcelona. Tamén participou no Programa Multicompañía-Transforma para incorporar talento novo a Comités de Dirección, así como no Programa Executivo para Líderes Emerxentes ESADE Proxecto Progresa.
Malia a súa xuventude, conta cunha dilatada experiencia profesional en ENAGAS, referente internacional no desenvolvemento, operación e mantemento de infraestruturas enerxéticas, onde asumiu distintos postos: desde os de carácter máis técnico (xestión de activos, enxeñería e construción) ata os máis comerciais e de desenvolvemento de regulación no sector enerxético, circunstancia que evidencia a súa versatilidade e gran capacidade de adaptación a distintas tarefas.
O último cargo que desempeñou antes da súa incorporación a Sogama foi o de Responsable do Programa de Transformación Dixital “ALFIL”, dentro da Dirección Xeral de Infraestruturas. Así mesmo, participou en distintos grupos de traballo, tanto europeos como internacionais, vinculados ao medio ambiente e a sustentabilidade.
ENTUSIASTA, COMPROMETIDA, VALENTE E CON CAPACIDADE DE LIDERADO
Mirta Sueiro autodefínese como enxeñeira entusiasta da transformación e a mellora continua nas organizacións. Desde a infancia, o seu soño foi ter unha brillante e proveitosa carreira profesional na que confía achegar todas as súas capacidades, que son moitas a xuízo de avaliadores externos cualificados. Entre as mesmas, cabería destacar a súa forte orientación a resultados, a súa visión e impulsora do cambio, a súa determinación na toma de decisións, así como a súa valentía e alto grao de compromiso cos proxectos nos que traballa e as organizacións ás que pertence.
Ademais da súa acreditada solvencia técnica, xestionou equipos e, en realidade, entusiásmalle o liderado dos mesmos desde a dimensión colaborativa, sacando o mellor de cada persoa e poñendo en valor o traballo individual e colectivo para avanzar cara á consecución de obxectivos.
Tendo en conta o seu perfil, non é estraño que lle atraian os desafíos e tente fuxir do traballo rutinario. Sen dúbida, a innovación está no seu ADN e leva marca galega.
Durante os seus case 11 anos fóra de Galicia, empeñouse en divulgar o bo facer desta comunidade en múltiples facetas, mostrándose moi orgullosa das súas orixes, así como dos logros e achegas da comunidade galega á ciencia, a tecnoloxía, a innovación e a cultura, entre outros sectores. De aí a súa gran satisfacción por ter a oportunidade de regresar á súa terra para compartir o seu coñecemento, bagaxe e experiencia, sendo a súa pretensión dar o mellor de si mesma e achegar todo o seu talento á prosperidade e á sustentabilidade da nosa comunidade. E farao mediante o seu labor ao fronte dun servizo público, básico e esencial, como é a xestión dos residuos urbanos na meirande parte do territorio galego.
PRIMEIRA MULLER
Mirta Sueiro é a primeira muller que asume a dirección xeral de Sogama nos 30 anos de vida desta Sociedade. Ela é o fiel reflexo da aposta da Xunta e Naturgy, entidades que conforman o accionariado da Sociedade Galega do Medio Ambiente, pola igualdade de oportunidades e o empuxe das mulleres cara a postos de alta dirección.
Saúdos, Departamento de Comunicación