- Sogama foi a encargada de proporcionar ao ente local 25 composteiros e igual número de manuais didácticos para entregar aos participantes
- O Concello pretende así obter importantes beneficios ambientais e sociais derivados da redución de residuos e a reciclaxe da materia orgánica in situ
Cerceda, a 11 de decembro de 2023.- O Concello de Cospeito (Lugo) amplía o seu programa de compostaxe doméstica a 25 novas vivendas unifamiliares con terreo co obxectivo de promover a redución de residuos en orixe, así como a reciclaxe da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono de alta calidade con importantes propiedades fertilizantes para o solo.
Sogama proporcionou ao ente local unha nova partida de composteiros (25), con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, coa pretensión de facer máis cómodo, hixiénico e eficiente o proceso de compostaxe, propiciando ao mesmo tempo a recuperación dunha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Ademais dos composteiros, os participantes recibirán uns manuais didácticos de apoio nos que se describe toda a operativa: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben -e non deben- introducirse no mesmo e o necesario control de parámetros tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura.
Os usuarios tamén poderán atopar nesta publicación as respostas ás preguntas e dúbidas máis frecuentes, así como as solucións aos problemas máis comúns.
Con estes 25 novos composteiros, serán 65 as vivendas que autoxestionen a súa materia orgánica, posibilitandocon isto que o Concello obteña importantes beneficios ambientais e sociais ao evitar o depósito desta fracción, que representa en torno ao 40% dunha bolsa de lixo tipo, no contedor da rúa.
Saúdos, Departamento de Comunicación