- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanzou esta mañá a localización da terceira infraestrutura deste tipo que construirá Sogama grazas a un investimento de 5 millóns de euros e que dará servizo a 24 concellos da provincia.
- Salienta que a instalación de Verín terá como base o proxecto técnico da planta que se instalará en Cervo (Lugo), cuxo contrato de redacción está a piques de adxudicarse, polo que prevé unha redución dos prazos necesarios para a súa construción.
- A planta ocupará unha parcela de case 12.000 m2, terá unha capacidade de tratamento de 3.000 toneladas de fracción orgánica contida nos residuos urbanos, coas que se prevé acadar unha produción de 1.500 toneladas anuais de compost de calidade, que se destinará a usos agrícolas.
- Ángeles Vázquez sinala que grazas ás tres plantas que impulsa a Xunta, xunto coa xa operativa en Cerceda e as instalacións de compostaxe industrial, actuais e futuras,Galicia contará cunha rede coa que dar servizo a toda a sociedade galega.
Verín (Ourense), 22 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia construirá a cuarta planta de biorresiduos no Concello de Verín, concretamente no Polígono empresarial de Pazos. Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita á parcela na que se ubicará a terceira planta de biorresiduos que construirá Sogama, e que se sumará á planta de Vilanova de Arousa (Pontevedra) e de Cervo (Lugo).
Así, a Xunta disporá dun orzamento de 5,5 millóns de euros para a adquisición dos terreos (400.000€) nos que se ubicará a planta e para a construción das instalacións, que terá como base o proxecto técnico da planta de Cervo, que está a punto de adxudicarse, de similares características; polo que isto reducirá os prazos de construción da nova infraestrutura co obxectivo de que sexa unha realidade o vindeiro ano.
Os terreos que albergarán a cuarta planta -que dará servizo a 24 concellos da provincia de Ourense- suman unha superficie de case 12.000 metros cadrados, dos cales 3.500 se disporán para a nave pechada que implica esta instalación. Ao igual que a que se instalará na provincia de Lugo, terá unha capacidade de tratamento ata 3.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 1.600 Tn de podas e restos de madeira. Con este material, explicou que o obxectivo é acadar unha produción de 1.500 Tn anuais de compost de alta calidade, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.
A planta de Verín beneficiará a preto de 52.300 habitantes da provincia, concretamente aos veciños dos municipios de Verín, Oímbra, Monterrei, Cualedro, Trasmiras, Laza, Castrelo do Val, Ríos, Vilardevós, Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Sandías, Xunqueira de Ambía, Sarreaus, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso, A Gudiña, A Mezquita e Viana do Bolo. Neste sentido, a previsión é que a planta dea emprego na zona a entre 8 e 10 persoas.
A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo todas as fases (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento) así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. O tratamento levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).
MÁIS DE 30 MILLÓNS NO VINDEIRO ANO
A conselleira incidiu en que nos orzamentos do seu departamento para 2021 resérvase unha partida de 31,4 millóns de euros para seguir avanzando cara a un modelo moderno e eficaz na xestión dos residuos que sitúe a Galicia á vangarda de Europa nesta materia.
Desta partida global, cinco millóns irán dirixidos a transformar as cinco microplantas de transferencia coas que conta actualmente Sogama –localizadas en Ponteceso, Curtis, Riotorto, A Lama e A Cañiza- en instalacións máis eficientes e con maior capacidade, aumentando as taxas de reciclaxe e reducindo as emisións de CO2. Outros 25 millóns dedicaranse a fomentar a compostaxe na Comunidade a través das tres novas plantas de biorresiduos proxectadas nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.
Grazas a estes investimentos, a conselleira considerou que Galicia poderá seguir optimizando e consolidando a eficiencia do seu actual modelo de xestión de recollida selectiva dos residuos, en cumprimento das directrices europeas, ao tempo que contribuirán a crear novos empregos verdes en diferentes sectores profesionais.
Por último, indicou que coas tres plantas en proxecto, sumadas á que Sogama ten en Cerceda e ás públicas e privadas actuais e futuras de compostaxe industrial, Galicia contará cunha rede de instalacións coas que dar servizo a toda a comunidade galega.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda