- Membros da Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia viaxaron a Atenas, onde estiveron entre o 9 e o 14 de maio
- Alí tiveron ocasión de intercambiar boas prácticas na xestión sostible dos residuos con representantes dese país, dando conta do traballo desenvolvido no ámbito da innovación ambiental
Cerceda, a 19 de maio de 2022.- No marco do Proxecto Erasmus+ KA122 European Next Generation in Waste, membros da Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (Aproema) viaxaron a Grecia, onde estiveron entre o 9 e o 14 de maio, para departir e dar conta do traballo desenvolvido no ámbito da innovación ambiental aplicada a residuos.
Con este proxecto europeo, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, preténdese extrapolar a experiencia de Galicia no sector ambiental a outros territorios do continente.
A delegación desprazouse a Atenas para visitar entidades tales como a Asociación de Industrias e Empresas de reciclaxe, a Asociación panhelénica de empresas de protección ambiental, Polyeco, Hellenic Waste Recycling, Revive e o Grupo Siakandaris.
Os membros do colectivo galego tiveron a oportunidade de establecer contactos con outros profesionais do sector para intercambiar coñecementos, obxectivos, perspectivas e métodos de traballo, abundando na adquisición de competencias clave, habilidades verdes e o uso de tecnoloxías.
Proximamente, e dentro deste mesmo proxecto europeo, viaxarán a Italia coa mesma pretensión.
Fonte e imaxe: Aproema