- Os educadores da empresa recabaron en cada colexio información de interese para orientar mellor a estratexia educativa na correcta xestión dos residuos
- Nesta fase inicial do programa, tamén se pretende ir creando conciencia sobre a problemática que os refugallos representan nas sociedades modernas, ademais de promover a activa participación da comunidade educativa na súa menor xeración e maior reciclaxe
- Sogama tamén subministrou en cada colexio os medios materiais (illas de reciclaxe e composteiros) e prevé impartir a formación o próximo mes de xaneiro, momento a partir do cal realizará visitas periódicas aos 20 centros
Cerceda, a 14 de decembro de 2022.- Os educadores da Sociedade Galega do Medio Ambiente realizaron a primeira visita a cada un dos 20 centros educativos que participan este curso académico no programa escolar “Recíclate con Sogama” 2022-2023, cuxo obxectivo é instaurar a práctica dos tres erres nas aulas (redución, reutilización e reciclaxe), achegando os medios, tanto materiais como didácticos, para que o alumnado sexa formado na xestión sostible dos residuos urbanos.
Con tal fin, os monitores desprazáronse polo conxunto de Galicia para entrevistarse cos docentes coordinadores deste programa en cada colexio e recabar datos de interese para orientar mellor a estratexia educativa na correcta xestión dos refugallos, crear conciencia ao redor da problemática que estes representan nas sociedades modernas e promover a activa participación da comunidade educativa na súa menor xeración e maior reciclaxe.
Ademais, con esta iniciativa preténdese chegar ás familias, xa que os pequenos, verdadeiros embaixadores da reciclaxe, son un magnífico vehículo transmisor dos bos hábitos ambientais.
Cada centro participante desenvolverá o seu propio proxecto de reciclaxe, contando para isto coa axuda de Sogama, que fará un seguimento próximo do traballo desenvolvido a fin de resolver dúbidas, corrixir erros e reconducir aqueles aspectos susceptibles de mellora.
ENTREGA DE ILLAS DE RECICLAXE E COMPOSTEIROS
A compañía culminou estes días a subministración das illas de reciclaxe nos distintos colexios (cada illa está conformada por tres contedores -amarelo, azul e convencional- con capacidade para 120 litros), así como dos composteiros a aqueles que dispoñen de servizo de comedor ou ben que xeran unha cantidade importante de materia orgánica derivada das merendas.
Logo das vacacións de Nadal, a empresa concertará as datas das sesións formativas presenciais, que estarán reforzadas con presentacións, vídeos e xogos co fin de que esta experiencia, ademais de reportarlles coñecementos, tamén sexa amena e divertida.
Os educadores efectuarán novas visitas de seguimento durante os meses de marzo e maio, e será precisamente na última cando procedan á caracterización dos refugallos depositados nos contedores para comprobar o grao de acerto ou erro.
A finais de curso, os centros deben presentar unha memoria de actividades a través da aplicación informática do Plan Proxecta, que Sogama avaliará a efectos de cualificación.
COLEXIOS PARTICIPANTES
Na presente edición, participan no programa unha vintena de colexios das catro provincias.
- Provincia de Pontevedra (7 centros): CEIP de Mosteiro-Bembrive e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (ambos de Vigo); CEIP de Lourido (Poio); CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño); CEIP Plurilingüe Antonio Palacios (O Porriño); CEIP Marquesa do Pazo da Mercé (As Neves); e CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza (Valga).
- Provincia de Ourense (6 centros): CEIP Virxe da Pena da Sela (O Irixo); CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso (Pobra de Trives); CEIP Nosa Señora de Xuvencos (Boborás); CEIP Manuel Respino (A Rúa); CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense); e CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín).
- Provincia de Lugo (5 centros): CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga (Guitiriz); CEIP Menéndez Pelayo (Lugo); CEIP Ramón Falcón (Castro de Rei); CEIP Plurilingüe de Xermade (Xermade); e CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove).
- Provincia da Coruña (2 centros): CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol) e CEIP O Areal (Camariñas).
Saúdos, Departamento de Comunicación