- Do mesmo xeito que en edicións anteriores, esta primeira toma de contacto foi aproveitada para entregar en cada centro unha illa de reciclaxe, conformada por tres contedores (amarelo, azul e verde), que nesta ocasión, e debido á COVID-19, contan con pedal.
- Tamén se mantiveron entrevistas cos docentes coordinadores desta iniciativa en cada colexio a fin de coñecer con máis precisión os seus proxectos de reciclaxe e ofrecerlles asesoramento.
- Tralas vacacións de Nadal, Sogama levará a cabo un plan de formación nos centros, que será presencial e/ou virtual en función da evolución da pandemia, estando preparada a empresa para ambos os dous formatos.
Cerceda, a 23 de decembro de 2020.- Educadores ao servizo desta empresa pública realizaron a primeira visita aos centros escolares de primaria que este curso académico participan no programa “Recíclate con Sogama” a fin de recoller datos de interese, entrevistarse co docente coordinador en cada colexio, coñecer con máis precisión a orientación dos proxectos de reciclaxe e ofrecer asesoramento para que poidan levalos a cabo con éxito.
Esta primeira toma de contacto foi aproveitada para entregar as illas de reciclaxe a cada centro, que están conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; e verde, para a fracción resto) nos que a comunidade educativa debe depositar os residuos xerados, unha vez segregados por tipologías.
No marco da pandemia do COVID-19, nesta edición, e a diferenza das anteriores, os contedores contan con pedal para evitar o contacto dos usuarios cos recipientes. Así mesmo, aos que dispoñen de servizo de comedor e terreo (horao ou xardín), entregóuselles un composteiro para posibilitar a reciclaxe da materia orgánica e convertirla nun abono natural para o solo.
Á volta das vacacións de Nadal, Sogama activará xa o plan de formación nos centros, contando xa coa opción presencial, no caso de que a evolución da pandemia así o permita, e coa virtual, toda vez que, ante a incerteza sanitaria, veu traballando na elaboración de distintos soportes online a fin de que, alumnos e profesores, dispoñan dos coñecementos necesarios sobre a xestión sostible dos residuos urbanos no modelo Sogama.
Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, cuxo principal obxectivo é a educación en valores e o fomento da innovación, o programa “Recíclate con Sogama” pretende instaurar o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) na vida cotiá dos pequenos, propiciando que as boas prácticas ambientais vinculadas aos residuos se trasladen igualmente ao ámbito familiar e social.
CENTROS PARTICIPANTES
Nesta ocasión serán 10 os centros de primaria participantes:
- 3 da provincia de Lugo: CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove; CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos; e CEIP Plurilingüe do Corgo.
- 5 da provincia de Pontevedra: CEIP Plurilingüe A Florida, de Sanxenxo; CEIP de Vilaxoán, de Vilagarcía de Arousa; CEIP Antonio Carpintero, de Arbo; CEP Altamira, de Salceda de Caselas; e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo.
- 1 de Ourense: CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense cidade.
- 1 da provincia da Coruña: CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol.
“Recíclate con Sogama” é un dos programas contemplados no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, que ten por obxecto educar en valores e fomentar a innovación e boas prácticas nos centros.
Saúdos, Departamento de Comunicación