- O obxectivo da mesma era comprobar a boa marcha dos proxectos desenvolvidos nos colexios, resolver posibles dúbidas e corrixir posibles desviacións ou erros
- En todos os casos, percibiuse un gran interese na reciclaxe, reforzado coa organización, por parte dos docentes, de distintas actividades orientadas a traballar valores tales como a responsabilidade, tanto individual como colectiva
- Tamén se detectou unha gran implicación das familias, facilitando desta forma a transferencia dos bos hábitos adquiridos na escola aos fogares
Cerceda, a 4 de abril de 2023.- Inmersos xa no último trimestre do curso académico, os educadores adscritos ao programa “Recíclate con Sogama” 2022-2023, culminaron en días pasados a segunda visita de seguimento aos 20 centros escolares das catro provincias que participan nesta iniciativa. O obxectivo non era outro que comprobar a boa marcha dos proxectos desenvolvidos nos distintos colexios, resolver dúbidas e corrixir posibles desviacións ou erros na execución dos mesmos.
En todos os casos, percibiuse un gran interese en traballar a reciclaxe nas aulas e púxose de relevo o esforzo realizado polos docentes na organización de actividades específicas coas que instruír ao alumnado nas boas prácticas ambientais e, moi especialmente, na diferenciación dos materiais a depositar en cada contedor de recollida selectiva.
Así mesmo, constatouse un importante labor na difusión de valores tales como a responsabilidade individual e colectiva, a empatía, a solidariedade e a preocupación polo ben común.
A implicación das familias tamén é unha constante, facilitando desta forma a transferencia dos bos hábitos adquiridos na escola aos fogares e contorna social, onde os pequenos asumen o rol de embaixadores da reciclaxe co fin de transmitir e exemplificar condutas sostibles orientadas á protección do medio ambiente e ao benestar e calidade de vida da cidadanía.
PATRULLAS VERDES
Nalgúns centros mesmo designaron as denominadas patrullas verdes, conformadas por grupos de alumnos/as que levan a cabo labores de inspección co fin de chamar a atención a aqueles compañeiros que lanzan refugallos ao chan, que non reutilizan os materiais, que abusan dos produtos de usar e tirar, e que non separan o lixo por tipos de materiais para introducilos posteriormente no contedor correspondente.
A súa tarefa non se limita unicamente a recriminar os comportamentos incorrectos, senón tamén a instruír e asesorar sobre a forma de participar activamente no sistema para propiciar a transformación dos residuos en recursos.
SOBRE RECÍCLATE CON SOGAMA
Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, o programa Recíclate con Sogama, en vigor desde hai unha década, ten por obxecto formar aos pequenos no principio dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) e trasladalos á práctica a través de distintas actividades para que os escolares adquiran e interioricen hábitos que lles permitan levar a cabo unha xestión sostible dos residuos que producen cada día.
Para que os centros poidan executar os seus proxectos, Sogama encárgase de proporcionarlles os medios didácticos (presentacións, vídeos, carteis, etc) e materiais necesarios (illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores -azul, verde xenérico e amarelo-, e composteiros para aqueles que dispoñen de comedor escolar ou ben que xeran unha cantidade importante de materia orgánica procedente das merendas).
A próxima visita, que terá lugar en maio, incluirá as caracterizacións dos distintos contedores que conforman as illas de reciclaxe a fin de estimar o grao de acerto ou erro de cada centro e, polo tanto, a calidade do material depositado nos mesmos. O resultado computará na avaliación final que Sogama realizará de cada colexio participante.
Saúdos, Departamento de Comunicación