- Celebrarase de forma paralela ao COFO26, que terá lugar na sede da FAO, en Roma, do 3 ao 7 de outubro, centrándose nas contribucións dos bosques aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
- Entre os eventos que contempla esta cita figura a plantación de bosques para favorecer economías neutras en relación coas emisións de carbono, a sostibilidade dos territorios e os medios de vida forestal
Cerceda, a 30 de setembro de 2022.- Do 3 ao 7 de outubro terá lugar, na sede da FAO, en Roma (Italia), o vixésimo sexto período de sesións do Comité Forestal (COFO26), celebrándose de forma paralela á oitava Semana Forestal Mundial, que nesta ocasión leva por lema “Cultivar un planeta mellor”. A cita desenvolverase a través dun formato híbrido no que se combinarán reunións e eventos virtuais e presenciais, sendo a súa pretensión proporcionar unha plataforma para o intercambio e o diálogo entre os participantes, brindando así unha dirección estratéxica para o traballo futuro da FAO no sector forestal.
O Comité examinará o informe principal da FAO, “O estado dos bosques do mundo 2022: vías forestais para a recuperación ecolóxica e a creación de economías inclusivas, resilientes e sostibles”, así como os resultados do XV Congreso Forestal Mundial, celebrado o pasado mes de maio na República de Corea. Tamén figura na axenda o traballo en curso da División Forestal sobre solucións forestais para combater o cambio climático, economías resilientes e sostibles, e os vínculos entre a agricultura e a silvicultura.
SEMANA FORESTAL MUNDIAL
A 8ª Semana Forestal Mundial está conformada por unha serie de eventos especiais e inspiradores que reúnen aos Estados membros da FAO, organizacións asociadas, líderes, científicos e mozos para debater as cuestións forestais máis apremiantes. Un destes eventos centrarase na plantación de bosques para favorecer economías neutras en relación coas emisións de carbono, a sostibilidade dos territorios e os medios de vida.
A SFM2022 está estruturada ao redor das áreas prioritarias que integran o Marco Estratéxico 2022-2031 da FAO, coa visión dun mundo sostible e con seguridade alimentaria para todos, no contexto da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.
A FAO aspira a lograr unha transformación cara a sistemas agroalimentarios máis eficientes, inclusivos, resilientes e sostibles para unha mellor produción, unha mellor alimentación, un mellor medio ambiente e unha vida mellor.
Fonte e imaxe: FAO