- Desprazáronse na tarde de onte desde Madrid para coñecer in situ, e desde unha dimensión práctica, a actividade desta Sociedade e as súas accións na área ambiental, industrial e social
- O presidente da entidade, Javier Domínguez, foi o encargado de explicarlles os pormenores do sistema e os fitos que marcaron a evolución de Sogama desde a súa creación, en 1992, ata o día de hoxe
- Así mesmo, falou de futuro e, polo tanto, do plan estratéxico 2023-2030 no que está a traballar Sogama e que se sustenta na innovación, a dixitalización, a descarbonización e a economía circular, propiciando que a compañía pase de ser unha empresa de xestión de residuos a unha empresa xeradora de recursos
Cerceda, a 21 de abril de 2023.- Membros da Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Congreso dos Deputados, isto é, Guillermo Mariscal Anaya, César Sánchez Pérez, Juan Diego Requena Ruíz e Diego Gago Bugarín, desprazáronse na tarde de onte desde Madrid a Galicia para coñecer Sogama, dada a súa condición de empresa punteira, a nivel europeo, na xestión sostible dos residuos municipais.
O obxectivo do grupo era comprobar in situ, e desde unha dimensión práctica, o labor desta Sociedade pública, así como as accións que vén desenvolvendo, de forma específica, na área ambiental, industrial e social.
O presidente da compañía, Javier Domínguez Lino, foi o encargado de explicar aos deputados a evolución histórica de Sogama desde a súa creación, en 1992, ata o día de hoxe; un período de 30 anos no que destacou diferentes fitos que contribuíron en boa medida á configuración dun modelo de xestión de residuos pioneiro, solvente, fiable, resolutivo e eficiente, capaz de tratar cada día, e con todas as garantías, os residuos municipais producidos por 295 concellos ou, o que é o mesmo, por máis de 2,2 millóns de habitantes.
Para levar a cabo a súa función, a Sociedade Galega do Medio Ambiente conta cunha importante rede loxística e industrial que ten o seu epicentro no Complexo de Cerceda (A Coruña), que se complementa cun vertedoiro controlado de apoio, así como por 37 plantas de transferencia distribuídas estratexicamente polo conxunto do territorio galego que dan servizo aos municipios limítrofes.
Para o transporte de residuos desde estas instalacións, ata Cerceda, Sogama promove o uso por ferrocarril, apostando desta forma por un medio máis sostible e respectuoso co medio ambiente, con menor sinistralidade, maior sincronización horaria e menores molestias cidadás. Se ben en 2016, o tren representaba o 25% do transporte, a día de hoxe elévase ao 55%.
A VALORIZACIÓN DA MATERIA ORGÁNICA, UNHA PRIORIDADE NA ACTUALIDADE
Coa progresiva incorporación do quinto contedor, de cor marrón, aos municipios e a necesidade de que estes cumpran coa lexislación europea, que establece como data límite o 31 de decembro de 2023 para que os entes locais implanten a recollida diferenciada da materia orgánica, a rede industrial de Sogama será aínda maior ao incorporarse á mesma 4 plantas de biorresiduos (Cerceda -xa en funcionamento-; Verín, en Ourense, e Cervo, en Lugo, que entrarán en operación o próximo 1 de xuño; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra, que o fará no segundo semestre do ano ), así como 13 plantas de transferencia ás que se dotará dun punto específico de transvasamento para os residuos orgánicos recollidos a través do recipiente marrón.
Ao respecto, Domínguez Lino manifestou que “Esta foto evidencia que a correcta xestión dos residuos urbanos é unha prioridade para a Xunta e que as 17 instalacións que participarán na valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost, ás que se destinou un investimento de 40 M€, procedendo 30 millóns dos Fondos REACT EU como resposta da UE á crise do Covid-19, propiciarán unha maior contribución de Galicia á reciclaxe e, por tanto, ao cumprimento dos obxectivos europeos establecidos para os próximos anos”.
DIXITALIZACIÓN E DESCARBONIZACIÓN, UN COMPROMISO
Así mesmo, o máximo responsable de Sogama avanzou a folla de roteiro da empresa para o período 2023-2030, que se materializará a través dun Plan Estratéxico protagonizado pola innovación, a dixitalización, a maior eficiencia e a descarbonización dos procesos industriais, e todo isto nun marco de economía circular co que se propiciará que a Sociedade Galega do Medio Ambiente pase de ser unha empresa de xestión de residuos a unha empresa xeradora de recursos.
A xornada concluíu cun percorrido polas instalacións que conforman o complexo cercedense, no que o xefe da área técnica de Sogama, José Antonio Álvarez Alcoba, foi o encargado de guiar ao grupo e explicarlles a operativa.
Saúdos, Departamento de Comunicación