- A Confederación Europea da Reciclaxe publicou un documento informativo no que destaca a importancia de avanzar cara a unha economía circular para o plástico en Europa, abordando os seus beneficios ambientais e económicos.
Cerceda, a 25 de xuño de 2020.- O plástico é un material omnipresente na nosa vida cotiá e moi relevante para a economía europea. Con todo, para maximizar os seus beneficios e mitigar os impactos ambientais, é fundamental mellorar a súa circularidade en todas as etapas da cadea de valor: deseño, produción, uso e reciclaxe. Neste sentido, o reciclado desempeña un papel fundamental ao converter os residuos en novos materiais para o ciclo produtivo, contribuíndo a aforrar recursos, emisións de gases de efecto invernadoiro e enerxía.
A Confederación Europea de Industrias da Reciclaxe publicou un novo documento informativo sobre o reciclado de plásticos, no que destaca a importancia de avanzar cara a unha economía circular para o plástico en Europa. Identifica os tipos de plásticos máis utilizados e describe a situación actual, os retos aos que se enfronta a industria europea da reciclaxe mecánica de plásticos, xunto con recomendacións clave para superalos. Tamén se abordan os beneficios ambientais e a importancia económica do seu reciclado.
Paul Mayhew, presidente da División de Reciclaxe de Plásticos da EuRIC (EPRB) e director xeral de MBA Polymers, suliña a importante contribución da reciclaxe de plástico para mellorar a competitividade e a eficiencia dos recursos en Europa: «Avanzar cara a unha economía máis sostible para os plásticos aportará beneficios considerables. O que falta para acelerar esa transición son medidas que estimulen a demanda de plásticos reciclados nos produtos mediante obxectivos de contido reciclado e incentivos que recompensen os seus beneficios ambientais en comparación cos plásticos virxes e un marco lexislativo máis coherente”.
O documento informativo de EuRIC terá continuidade con outras publicacións nas que se destaca o cometido da industria do reciclado na transición cara a unha economía circular e facer da Unión Europea a primeira economía de categoría mundial en alcanzar a neutralidade climática para 2050.
Fonte e imaxe: Residuos Profesional