- Así o trasladou en Radio Voz José María Fernández González, xerente de PROMA, unha spin-off asentada en Granada e que desenvolveu, ademais deste, outros exitosos proxectos vinculados ao aprovechamento do gas dos vertedoiros para a súa inxección en redes de gas natural, así como de eficiencia enerxética e de ciclo integral da auga.
- Ao fronte de PROMA hai unha investigadora principal, Montserrat Zamorano, catedrática de Medio Ambiente na Universidade de Granada, quen recentemente foi galardonada coa Medalla ao Mérito Ambiental de Andalucía.
- Máis que de cambio climático, o xerente desta entidade fala de urxencia climática e, xa que logo, da imperiosa necesidade de transitar cara a unha economía circular na que os residuos se transformen en recursos.
Cerceda, a 30 de marzo de 2020.- José María Fernández González, xerente de PROMA, unha spin-off asentada en Granada, deixou constancia, no programa radiofónico Ecovoz, da importancia que ten a implicación cidadá para que realmente se produza un cambio de paradigma no noso modelo de desenvolvemento e consumo, deixando atrás o sistema lineal de producir, usar e tirar, e transitar cara a un circular no que os residuos sexan transformados en recursos. Imponse así un cambio ao que definiu “de abaixo arriba” e que debe ser esixido por parte dos cidadáns ás empresas e administracións.
Máis que de cambio climático, Fernández González inclínase por falar de urxencia climática, toda vez que, tal e como sinalou, “dispoñemos de evidencias científicas de que a actividade humana e o uso de combustibles fósiles están cambiando o clima e, xa que logo, estamos chegando ao momento de non retorno”.
Entre os traballos desenvolvidos por PROMA e que máis aceptación tiveron por parte de diferentes Administracións Públicas, cabería destacar o desenvolvemento dunha plataforma web que, mediante un plan de indicadores, mide e controla a calidade da prestación dos servizos de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria.
Neste sentido, José María Fernández sinalou que, se ben anteriormente o alcance dos pregos estaba moi dirixido aos medios humanos e materiais que solicitaba a Administración, agora están evolucionado cara a pregos máis abertos cos que se pretende garantir que o servizo se preste coa máxima calidade e nas mellores condicións posibles, levando a cabo un mellor e maior control do mesmo por parte dos responsables públicos.
Outro dos labores técnicos desta spin-off estivo centrado no aproveitamento do gas dos vertedoiros para a súa inxección en redes de gas natural, converténdoo nun gas de orixe renovable. Así mesmo, veu desenvolvendo proxectos de eficiencia enerxética e de ciclo integral da auga.
Estes traballos foron recollidos en diversas publicacións científicas como temas novidosos para darlles unha maior divulgación, xa que, tal e como sinalou Fernández González, “hai unha certa resistencia comercial a probar cousas novas e precísase de investigación previa”.
SOBRE PROMA
Como empresa para a transferencia do coñecemento da universidade á sociedade, ao fronte de PROMA hai unha investigadora principal, Montserrat Zamorano, Catedrática de Medio Ambiente na Universidade de Granada, quen recentemente foi galardonada coa Medalla ao Mérito Ambiental de Andalucía.
Tal e como explicou o xerente desta spin-off, “o noso labor é precisamente aproveitar as investigacións da universidade, posibilitando o seu posterior desenvolvemento comercial e a transferencia deste coñecemento á sociedade, devolvendo parte do que facturamos ao grupo de investigación”
Saúdos, Departamento de Comunicación