- O proxecto estase a levar a cabo pola UOC, en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT).
- A tecnoloxía aplicada baséase na integración de sensores inalámbricos RFID UHF que identificarán a composición dos tecidos, á vez que monitorizarán varios indicadores corporais como é o caso dos niveis de hidratación ou de estrés.
Cerceda, a 20 de xullo de 2020.- A industria da moda xera actualmente 92 millóns de toneladas de refugallos e un 20 % das augas residuales mundiais. É por iso que a mellora da eficiencia e a sostibilidade en todo o proceso industrial constitúe un dos retos do sector.
En colaboración co Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), investigadores da Universitat Oberta de Catalunya (UOC) están a desenvolver un novo sistema que permita o procesamento masivo, automatizado e de baixo custo da roupa de segunda man para a reciclaxe. A tecnoloxía baséase na integración de sensores inalámbricos RFID UHF (por radiofrecuencia) que identificarán a composición dos tecidos á vez que monitorizarán varios indicadores corporais, como é o caso dos niveis de hidratación ou de estrés.
O proxecto enmárcase na convocatoria «MIT-Spain INDITEX Sustainability Seed Fund 2019», que financia colaboracións de grupos de investigación do MIT con investigadores de fóra dos Estados Unidos, coa participación de Inditex.
Algunhas empresas permiten devolver a roupa aos seus establecementos para que sexa reutilizada ou reciclada, pero xestionar a recolección e a reciclaxe masiva é moi complicado debido a que tecidos coma o algodón, o liño ou o poliéster, que representan o 90 % das materias primas utilizadas, requiren diferentes técnicas de procesamento. «A nova tecnoloxía permitirá clasificar automáticamente a roupa a partir da súa composición, mellorando a eficiencia de todo o proceso e podería representar un paso clave no esforzo cara á sostibilidade e a eficiencia da moda e as industrias relacionadas, coma o comercio minorista».
Entre as vantaxes da tecnoloxía RFID destacan o baixo prezo e a viabilidade da súa adopción por parte da industria. «As etiquetas teñen un custo duns poucos céntimos e, polo tanto, é unha tecnoloxía que se escala moi ben para producir grandes cantidades. Ademais, trátase dun sistema que se atopa integrado en moitos procesos loxísticos, tamén no mundo do téxtil e a moda, de forma que os resultados do proxecto poderían integrarse nos procesos industriais sen moitos custos engadidos», destaca o investigador principal.
O proxecto, que se alongará ata agosto de 2021, atópase na fase preliminar de deseño da tecnoloxía.
Fonte: UOC
Imaxe: Pixabay