- Con esta campaña, enmarcada no Día Mundial do Medio Ambiente, Sogama pretende axudar aos cidadáns a retomar os bos hábitos previos á crise sanitaria do COVID-19 e ata a reforzalos para avanzar na senda da sostibilidade.
- Durante a etapa de confinamento, e debido á imperiosa necesidade de distanciar no tempo a compra de produtos básicos, priorizouse a adquisición de artigos sobreenvasados co fin de garantir a súa correcta conservación.
- Unha vez que camiñamos cara á normalidade, deben impoñerse as boas prácticas orientadas á redución da produción de lixo, prescindindo dos envases e embalaxes superfluos.
Cerceda, a 4 de xuño de 2020.- Con motivo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, que terá lugar mañá, 5 de xuño, e dadas as excepcionais circunstancias derivadas da crise sanitaria do COVID-19, Sogama lanza unha campaña coa que apela á necesidade de reducir o exacerbado consumo de envases plásticos de usar e tirar.
Baixo o título “Desplastifícate: di non aos plásticos de usar e tirar”, o obxectivo desta iniciativa é axudar aos cidadáns a retomar o camiño emprendido antes da pandemia cara ao consumo responsable en toda a súa amplitude, incluíndo a diminución de envases e envoltorios dun só uso.
Durante a etapa de confinamento, e debido á imperiosa necesidade de distanciar no tempo a compra de produtos básicos, priorizouse a adquisición de artigos sobreenvasados co fin de garantir a súa correcta conservación. Unha vez que avanzamos na desescalada e a normalidade volve a recuperar terreo, é o momento de retomar hábitos sostibles e adoptar boas prácticas que permitan diminuír a xeración de lixo no seu conxunto, prestando especial atención aos envases superfluos que, máis cedo que tarde, acabarán converténdose en refugallos.
Tomemos nota:
- Leva a túa propia bolsa reutilizable á compra (de tea, de rafia natural, unha cesta) ou ben o tradicional carriño. A bolsa de plástico utilízase unha media de 15 minutos, pero pode tardar séculos en degradarse na contorna.
- Na casa e fóra de casa, opta por botellas de auga reenchibles, preferiblemente de aceiro inoxidable ou vidro.
- Rexeita as pajitas plásticas (hainas de aceiro, bambú ou papel), así como os pratos, vasos e cubertos fabricados con plástico. En 2021 estarán prohibidos na UE.
- Dá preferencia aos produtos comercializados a granel e, na medida do posible, elixe os envasados en cartón. Para almacenar os alimentos, mellor o vidro e as latas (de aceiro ou aluminio). Descarta bolsas, papel filme e recipientes plásticos.
- Non esquezas que os microplásticos tamén están presentes na composición dos cosméticos e outros artigos de hixiene.
- Elixe, sempre que poidas, produtos fabricados con materiais biodegradables. As alternativas son numerosas: desde peites de madeira ata esponxas de celulosa.
- Prioriza as pinzas de madeira para tender a roupa e procura prescindir das cápsulas de café.
- Á hora de regalar, mellor obxectos que non conteñan plásticos e estean fabricados con materiais reciclados.
- En festas e celebracións, evita o confeti plástico, así como os globos. Os tradicionais de poliuretano poden permanecer máis de 400 anos na natureza e, os de látex, aínda que son biodegradables, poden tardar anos en degradarse se chegan ao mar; en contacto co aire, ata 2 ou 3 meses.
- Recorda separar correctamente os residuos no fogar e depositalos nos contedores correspondentes para propiciar o seu reciclado e, polo tanto, a súa transformación en novos produtos. Desta forma contribuirás a aforrar enerxía e materias primas.
Saúdos, Departamento de Comunicación