- É o caso da República Democrática do Congo, Arxentina, Cuba e Costa Rica, interesadas en coñecer a infraestrutura de xestión de residuos que, en breve, será a máis moderna e eficiente de Europa.
- A satisfacción dos seus integrantes, xunto co resto dos colectivos visitantes (universitarios, escolares, asociacións) foi óptima.
- Os coñecementos, o grao de implicación e as atencións prestadas polos educadores seguen valorándose coa cualificación máis alta.
Cerceda, a 24 de xullo de 2019.- Malia as limitacións propias das obras de ampliación do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda e de que, por motivos de prevención e seguridade, os máis pequenos non podían realizar o tradicional percorrido a pé polas plantas, foron moitos os colectivos que quixeron visitar igualmente o epicentro desta empresa pública para escoitar as explicacións dos seus educadores, coñecer de preto a súa actividade industrial e descubrir as funcionalidades de cada planta.
En total, máis de 1.100 visitas de distintos perfís: escolares, asociacións, universitarios e delegacións estranxeiras. É o caso da República Democrática do Congo, Arxentina, Cuba e Costa Rica. Querían ver o que será en breve o complexo medioambiental de xestión de residuos urbanos máis moderno e eficiente de Europa, ademais de punto de referencia para o resto do mundo, mostrando unha óptima satisfacción por ter tido a oportunidade de ver in situ unha infraestrutura destas características.
Os resultados das enquisas, cumprimentadas voluntariamente e de forma anónima polos integrantes dos distintos grupos, seguen sendo moi positivos para a compañía. Nunha escala de 0 a 5, a puntuación media de todos os ítems alcanzou o 4,7, valorándose, coa cualificación máis alta, os coñecementos, o grao de implicación e as atencións prestadas polos monitores.
Entre outros parámetros, os responsables de grupo deixaron constancia da súa satisfacción coa visita, toda vez que cumpriu coas expectativas, contribuiu ao enriquecemento persoal e profesional, ao incremento do coñecemento da actividade de Sogama e ao cumprimento dos obxectivos pedagóxicos.
As presentacións e os vídeos foron os aspectos mellor valorados polo alumnado de primaria, así como a implicación dos educadores, cualificando de gran interese, tanto por estes como polos estudantes de secundaria, a actividade de Sogama e os seu beneficios para o medio ambiente.
Saúdos, Departamento de Comunicación