- Así o revelaron os resultados das caracterizacións realizadas na última visita que os educadores desta empresa pública fixeron aos 24 colexios participantes
- Os principais impropios detectados no recipiente amarelo foron as máscaras, papel de cociña usado e toalliñas hixiénicas, residuos todos eles que deberían ter sido depositados no recipiente xenérico, dado o seu carácter non reciclable
Cerceda, a 11 de xullo de 2022.- Do mesmo xeito que na pasada edición, a porcentaxe de impropios no contedor amarelo, relegado a acoller unicamente envases de plástico, latas e briks, continuou a súa tendencia á baixa nos centros escolares adscritos ao programa “Recíclate con Sogama” 2021-2022. Así o revelaron os resultados das caracterizacións realizadas na última visita que os educadores desta empresa pública fixeron aos 24 colexios de primaria participantes. Os datos avalan e acreditan a alta calidade dos materiais depositados neste contedor, sendo tamén elevada no caso do azul (papel e cartón) e convencional (fracción resto).
Os principais impropios detectados no recipiente amarelo, que é o que xera máis dúbidas e confusións, foron as máscaras, papel de cociña e toalliñas hixiénicas, residuos todos eles que deberían ter sido introducidos no recipiente xenérico.
No caso do azul, foron os briks que, se ben están conformados por cartón, contan tamén cunha lámina de aluminio e outra de plástico, debendo ir ao amarelo. Así mesmo, atopáronse no recipiente do papel e cartón panos de mesa e panos de papel usado que, ao estar contaminados, non poden ser reciclados, sendo o contedor xenérico o seu lugar de depósito.
Este traballo de mostraxe tamén permitiu constatar que aqueles colexios que dispoñen de composteiro, ademais de reducir, e eliminar nalgúns casos, os restos orgánicos destinados ao contedor convencional (fracción resto), melloraron substancialmente a segregación do resto dos residuos.
MÁIS DUNHA DÉCADA NAS ESCOLAS
Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, Recíclate con Sogama, en vigor desde hai 12 anos, é un programa de educación ambiental que ten por obxecto instaurar a reciclaxe nos colexios participantes e, de forma paralela, modificar hábitos e comportamentos por parte das persoas que conforman a comunidade educativa.
No marco desta iniciativa, os centros deben desenvolver os seus proxectos de reciclaxe e, ao longo do curso académico, están apoiados de forma permanente por Sogama a través da dotación de medios materiais (contedores de recollida selectiva e composteiros fundamentalmente) e didácticos (folletos, xogos -físicos e en liña-, presentacións, vídeos, unidades didácticas, etc).
Os monitores ao servizo desta compañía pública son os encargados de prestar asesoramento e supervisar periodicamente os traballos desenvolvidos polas escolas mediante visitas de seguimento presenciais, tendo estas a oportunidade de consultar, de forma personalizada, as súas dúbidas e de axustar e/ou reorientar as súas actividades.
As tarefas efectuadas deben ser plasmadas por cada centro nunha memoria a presentar a través da plataforma informática do Plan Proxecta, que será avaliada conforme aos criterios establecidos no seu momento pola Consellería de Educación e Sogama, isto é, creación dunha rede de traballo cooperativa; interdisciplinariedade, impacto e difusión do proxecto; implicación e receptividade do centro; calidade do material depositado nos contedores que conforman a illa de reciclaxe; así como o desenvolvemento de accións nas que se implique ás familias do alumnado.
Saúdos, Departamento de Comunicación