- O seu relatorio, que terá lugar mañá, 1 de decembro, na ETSE, enmárcase na exposición “Un rastro de furia e algas, unha reflexión sobre o clima e o futuro no noso planeta”, incluída nas denominadas “Faíscas Culturais”
- Cabe lembrar que Mirta Sueiro foi elixida este ano como egresada destacada no Grao en Enxeñería Química da USC, formando parte a súa traxectoria dunha exposición promovida con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller na Enxeñaría 2023
Cerceda, a 30 de novembro de 2023.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro Costoya, foi convidada pola Universidade de Santiago de Compostela a dar unha conferencia no marco das denominadas “Faíscas Culturais”, actividades culturais e académicas nas que participa a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, e entre as que se destaca unha exposición que leva por título “Un rastro de furia e algas, unha reflexión sobre o clima e o futuro no noso planeta”.
Dado o importante papel desempeñado por Sogama na loita contra o cambio climático, así como a súa contribución á economía circular, a directiva desta empresa pública centrará a súa alocución na xestión dos residuos como panca crave na loita contra o cambio climático.
O seu relatorio terá lugar mañá, 1 de decembro, ás 12:30 horas, na ETSE, e estará orientado ao alumnado de 4º curso do Grao de Enxeñaría Química e do 1º curso dos Másteres en Enxeñaría Ambiental e Enxeñaría Química e Bioprocesos.
Egresada destacada no Grao en Enxeñaría Química
Cabe lembrar que Mirta Sueiro foi elixida este ano como egresada destacada no Grao en Enxeñaría Química da USC, formando parte a súa traxectoria dunha exposición que a Universidade promoveu con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller na Enxeñaría 2023 e coa que pretendía mostrar como esta disciplina pode contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), á vez que pon de relevo o importante labor que as mulleres desempeñan neste sector e as súas achegas ao progreso, á ciencia, á educación, e tamén a un mundo máis xusto, equitativo, igualitario e sostible.
No seu momento, a directora xeral de Sogama manifestou que, no ámbito da enxeñaría, “a muller achega curiosidade, enxeño, esforzo, perseveranza, sacrificio, intelixencia emocional e unidade, imprescindible para que a sociedade poida crecer e evolucionar”, deixando constancia do seu obxectivo á fronte de Sogama: “Achegar o meu coñecemento e experiencia para contribuír á transición da comunidade galega cara a un modelo de economía circular”.
Saúdos, Departamento de Comunicación