- Promovido polo MITERD, trátase do primeiro dun ciclo de xornadas orientadas a dar a coñecer as actuacións que se están a levar a cabo para cumprir coa Estratexia Española de Economía Circular 2030
- A participación de Mirta Sueiro terá lugar na primeira mesa redonda “Aplicación e implicación da economía circular”, que tamén contará coas achegas de representantes de Redeia e Viratec
Cerceda, a 8 de febreiro de 2023.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro Costoya, foi convidada a participar no I Encontro sobre Economía Circular en Galicia, que promove o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD), en colaboración co Club de Excelencia en Sostibilidade. Terá lugar o próximo 23 de febreiro, na sede do Consorcio Zona Franca de Vigo, entre as 10:00 e as 14:00 horas.
Trátase da primeira cita dun ciclo de xornadas coas que se pretende dar a coñecer as actuacións, tanto públicas como privadas, que se están a levar a cabo para cumprir coa Estratexia Española de Economía Circular 2030, ademais de divulgar os recentes cambios na Lei de Residuos e Solos Contaminados para unha Economía Circular e o Real Decreto de Envases e Residuos de Envases, entre outras novidades.
PROGRAMA
Tralo acto inaugural, que correrá a cargo do Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Sagrario Pérez Castellanos, o evento arrincará coas intervencións do secretario xeral do Club de Excelencia en Sostibilidade, Juan Alfaro, e da directora xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do MITERD, Marta Gómez Palenque. Mentres que a alocución de Alfaro focalizarase no papel que cumpre a economía circular na estratexia de negocio da empresa, Gómez Palenque explicará o impulso que, desde o MITERD, se está a dar á circularidade.
O broche desta primeira parte da xornada poñerao a primeira mesa redonda, que, baixo o título “Aplicación e implicación da economía circular”, e moderada por Susana Pérez-Amor, vocal asesora do MITERD, reunirá á directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, á Responsable de Economía Circular de Redeia, Leticia Cantalapiedra, e á Xerente de Viratec, Ana Botas.
Logo dunha pausa, o encontro retomarase cunha segunda mesa redonda “Boas prácticas en circularidade”, que estará moderada pola presidenta de Aproema, Arancha Mañas, contando coa participación do xefe de Área no Departamento de Innovación e Tecnoloxía de Aqualia, José R. Vázquez Padín; o director de Asuntos Regulatorios, I+D+i e Medio Ambiente de Agroamb, Alberto Amador García, e o CEO & Co-fundador de Teimas, Miguel Varela.
Saúdos, Departamento de Comunicación