- Na mesma recóllense dúas entrevistas centradas, desde diferentes perspectivas, na sostibilidade. É o caso de Cristina Rico, xerente de CTRASA, planta de valorización enerxética de Andorra, e Ruth Gómez, presidenta da Asociación Anxiños.
- Abórdanse tamén cuestións tales como a comparecencia do presidente de Sogama no Parlamento galego para facer balance do labor desta compañía durante os últimos anos e a súa intervención nun encontro promovido polo Goberno de Navarra sobre sociedades públicas exemplares.
- A revista compleméntase, entre outros asuntos, coa presentación de novos proxectos que integrarán a rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, a resolución do concurso escolar “Recíclate con Sogama” 2020-2021 e as visitas institucionais recibidas na planta de Cerceda durante este período.
Cerceda, a 14 de outubro de 2021.- Sogama vén de lanzar a súa Newsletter corporativa do mes de outubro e faino con dúas entrevistas centradas, desde diferentes perspectivas, na sostibilidade. É o caso de Cristina Rico, xerente de CTRASA, planta de valorización enerxética de Andorra, e Ruth Gómez, presidenta da Asociación Anxiños, entidade que atende a nenos e adolescentes con problemas mentais.
O editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez, xira nesta ocasión en torno á necesidade de potenciar a recollida diferenciada da materia orgánica a través do quinto contedor, de cor marrón, apoiando desta forma a transición de Galicia cara á economía circular.
Igualmente, faise un repaso das principais actividades desenvolvidas pola empresa desde o pasado mes de xullo, cando Domínguez Lino compareceu no Parlamento galego para facer balance das mesmas, subliñando que, desde 2017 e ata 2020, Sogama investiu 45,8 M€ en distintas melloras industriais e, para o período 2021-2023, realizará novos investimentos cifrados en máis de 43 M€.
O máximo responsable da compañía aproveitou esta ocasión para convidar a todos os membros da Comisión a visitar o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, pois, tal e como asegurou “unha imaxe vale máis que mil palabras”.
INNOVACIÓN, FORMACIÓN E EXEMPLARIDADE
No marco da rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para valorizar a materia orgánica producida na meirande parte dos concellos adscritos a Sogama (construción de tres novas plantas de biorresiduos, que se sumarán á xa operativa en Cerceda, e adaptación de 13 plantas de transferencia), presentáronse os proxectos das plantas de transferencia de Ponteceso e Curtis, que serán remodeladas para poder transvasar nas mesmas a materia orgánica recollida de forma selectiva.
Así mesmo, a revista faise eco, entre outros asuntos, do reforzo, por parte de Sogama, do servizo de vixilancia das súas instalacións con drons; a formalización do novo convenio coa Deputación de Ourense para a xestión das microplantas da provincia; a resolución dos premios “Recíclate con Sogama” 2020-2021, que recaeron no CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove (Lugo), CEIP Pintor Laxeiro de Vigo e colexio Divina Pastora-MM Franciscanas de Ourense; e a entrega gratuíta de máis de 17.000 composteiros entre 400 entidades galegas (concellos, centros educativos e colectivos sociais.
A Sociedade recibiu distintas visitas institucionais, considerándoa líder indiscutible da xestión sostible de residuos a nivel europeo. É o caso de Recyclia e a Fundación Ecomar, a Deputación de Huelva, unha comitiva do goberno rexional de Murcia e o Consorcio de Tratamento de Residuos do Maresme (Mataró-Cataluña).
Convidado polo goberno de Navarra, o presidente de Sogama participou presencialmente nun encontro sobre o labor das sociedades públicas, constituíndo a galega todo un exemplo a seguir.
No apartado de eventos, destácase, entre outros acontecementos, a nova cita con Recuwaste 2021, congreso de carácter internacional sobre a xestión dos residuos e recursos que terá lugar, en formato híbrido (presencial e en liña) os próximos días 26 e 27 de outubro en Mataró.
Ligazón descarga: http://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/2021/10/ Newsletter49.pdf
Saúdos, Departamento de Comunicación