- Andreas Svendsen, Estratega de Sostibilidade nesta localidade, visitou esta mañá o Complexo Medioambiental de Cerceda, onde tivo un encontro co seu presidente, Javier Domínguez
- Acompañado por Carlos Ameixenda, director da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, percorreo as distintas plantas polas que descorre o residuo para ser tratado
Cerceda, a 8 de abril de 2024.- Andreas Sevendsen, Estratega de Sostibilidade no Departamento de Servizos Técnicos da División de Reciclaxe e Residuos do municipio de Mölndal (Suecia), visitou esta mañá o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer a súa operativa, evolución histórica e plans futuros de xestión. Así mesmo, mantivo un encontro co seu presidente, Javier Domínguez Lino, con quen intercambiou diferentes datos e experiencias na materia.
No marco da lexislación europea vixente, os municipios suecos teñen un importante reto por diante no ámbito da prevención e redución de refugallos, xa que a xeración anual per cápita é moi elevada. Diminuír o desperdicio alimentario e o consumo de produtos de usar e tirar, constitúen algunhas das prioridades para o país, de aí que as campañas de información, formación e concienciación cidadá no consumo racional, consciente e responsable, constitúa un dos eixos do plan abordado polos entes locais.
Svendsen, que estivo acompañado por Carlos Ameixenda, director da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, efectuou unha visita guiada a pé polas instalacións que conforman o Complexo cercedense a fin de comprobar in situ o seu funcionamento, prestando especial atención á planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, que opera en liña coa industria 4.0, e que incorpora mecanismos de última xeración para separar os residuos susceptibles de ser reciclados e remitilos á industria transformadora (diferentes tipos de plásticos, briks, vidro, envases de aceiro e aluminio, etc).
Con carácter previo, realizou o percorrido virtual 360º, a través do cal puido descubrir espazos desta infraestrutura con accesibilidade limitada no itinerario a pé, e que lle axudaron en boa medida a ter unha visión global e integral do sistema Sogama.
Mölndal, unha localidade vinculada á ciencia da vida
Situada ao sureste de Gotemburgo, a localidade de Mölndal conta cunha poboación superior a 69.000 habitantes e é coñecida por acoller unha alta concentración de empresas vinculadas á “ciencia da vida”, concretamente á farmacia, biomedicina e biotecnoloxía, coa particularidade de que tamén conta con dous institutos nacionais de investigación: IFP SICOMP AB e IVF Industrial Research and Development Corporation.
Saúdos, Departamento de Comunicación