- Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, durante a súa intervención no II Foro “Empresa Sostible”, celebrado en Vigo e organizado pola CEP, coa colaboración de Aproema
- Durante a súa alocución, puxo en valor o potencial das empresas de xestión de residuos como xeradoras de recursos e o importante papel que estas poden desempeñar no progreso e crecemento económico
- Así mesmo, aludiu ao Plan Estratéxico de Sogama 2024-2030, que permitirá a esta compañía pública contribuír activamente á transición de Galicia cara á economía circular
Cerceda, a 28 de novembro de 2023.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participou esta mañá no II Foro “Empresa Sostible”, celebrado en Vigo e organizado pola Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP), en colaboración con Aproema, e fíxoo participando nunha mesa redonda que, baixo o título “Retos e solucións para a xestión de residuos e a economía circular en Galicia”, contou tamén coas achegas de representantes de Ceamsa, Urbaser e Mercadona.
Durante a súa alocución, Domínguez Lino puxo en valor a solución do sistema Sogama á xestión dos residuos municipais en Galicia e apelou á necesaria coordinación entre administración, entes locais e empresas para que o tratamento dispensado aos residuos sexa realmente sostible, propiciando, desde a máxima transparencia, unha maior confianza por parte da cidadanía.
Subliñou que, ante a escaseza de materias primas virxes, as entidades xestoras de residuos deben ser tamén xeradoras de recursos e participar activamente no progreso e o crecemento económico do país.
Neste marco, aludiu ao novo plan estratéxico de Sogama para o período 2024-2030, no que a empresa pública se atopa inmersa, e que xira ao redor da transformación dixital, tanto a nivel industrial como administrativo, o que permitirá gañar en axilidade e en eficiencia; a descarbonización dos procesos; a incorporación á súa xestión de novas fraccións de residuos; a maior profesionalización do equipo humano; e a maior sostibilidade da súa actividade, contribuíndo a que sexa aínda máis respectuosa coa contorna. Tal e como manifestou, “O noso obxectivo é ser unha panca para o progreso e crecemento económico de Galicia, ademais de soporte na transición que a nosa comunidade xa está a facer cara á economía circular”.
O máximo responsable de Sogama detívose en explicar un dos últimos fitos da compañía como é o de dotar á nosa comunidade, nun tempo récord, dunha rede de infraestruturas punteira para a valorización da materia orgánica que estará culminada este mesmo ano e que xa se atopa ao dispor dos concellos para axudalos a cumprir a lei, tendo en conta que, conforme á normativa europea, deben ter implantada a recollida diferenciada da materia orgánica antes do próximo 31 de decembro.
Entrega dos Premios Aproema
O evento, que contou coa presenza da vicepresidenta segunda da Xunta de Galicia e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, serviu de escenario para o acto oficial de entrega dos galardóns correspondentes á VI Edición Premios Medio Ambiente Aproema, orientados a recoñecer os esforzos das empresas e organizacións que demostraron un compromiso sobresaínte coa protección do medio ambiente e a sostibilidade en Galicia.
Saúdos, Departamento de Comunicación