- Baixo o título “Sogama: referente europeo na xestión dos residuos urbanos”, o encontro terá lugar, vía online, o próximo 23 de novembro (10:00 hora arxentina; 15:00 hora española).
- A xornada estará orientada ao alumnado da diplomatura en xestión sostible de residuos sólidos, así como ao persoal técnico e político dos municipios da provincia de Córdoba, cuxo labor profesional está ligado ao medio ambiente.
- Domínguez realizará un percorrido polos principais fitos da evolución desta compañía pública desde a súa creación, en 1992, ata o día de hoxe.
Cerceda, a 12 de novembro de 2021.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi convidado pola Universidade “Blas Pascal” de Arxentina para participar, vía online, nunha xornada orientada ao alumnado da diplomatura en xestión sostible de residuos sólidos, así como ao persoal técnico e político dos municipios da provincia de Córdoba, cuxo labor profesional está ligado ao medio ambiente.
Baixo o título “Sogama: referente europeo na xestión dos residuos urbanos”, o encontro terá lugar o próximo 23 de novembro, ás 10:00 hora arxentina e ás 15:00 hora española.
No marco do mesmo, Domínguez realizará un percorrido polos principais fitos da evolución desta compañía pública desde a súa creación, en 1992, ata o día de hoxe.
Así, no transcurso da súa intervención, abordará, entre outros aspectos, a filosofía empresarial de Sogama, o seu cometido, infraestrutura industrial da que dispón, fraccións de residuos urbanos que se atopan baixo a súa competencia (envases lixeiros, materia orgánica e residuos non reciclables), transporte preferente por tren, firme aposta pola innovación tecnolóxica, xeración de riqueza e emprego verde, educación ambiental, así como as melloras introducidas pola entidade durante os últimos anos para lograr unha maior eficiencia e sustentabilidade desde a dimensión ambiental, económica e social.
OS RESIDUOS, UN PROBLEMA GLOBAL CON SOLUCIÓNS LOCAIS
Actualmente, a xestión e tratamento sostible dos residuos eríxese nun dos desafíos ambientais de maior peso en todo o mundo, representando en Arxentina todo un reto. Á baixa taxa de recuperación de materiais nese país, súmase que os refugallos van parar a vertedoiros a ceo aberto, o que se traduce nunha forte degradación ambiental, problemas hixiénico-sanitarios e desequilibrios sociais como a marxinalidade e o traballo infantil.
Se ben, e grazas á implementación da Lei 25.916 de Orzamentos Mínimos de Protección Ambiental para a Xestión Integral dos Residuos Domiciliarios, así como á Estratexia Nacional en Xestión Integral de Residuos Sólidos Urbanos (ENGIRSU), houbo melloras, especialmente nos grandes núcleos urbanos, o certo é que a problemática persiste en cidades medianas e pequenas de Arxentina.
A diplomatura referenciada está dirixida por Silvio Romano, que actualmente é director de Xestión Integral de Residuos Sólidos do Goberno da Provincia de Santa Cruz e, desde o ano 2007, docente de grao, posgrao e investigador na Universidade Nacional da Patagonia Austral.
Licenciado en Xestión Ambiental pola Universidade Blas Pascal, especializouse en xestión de residuos en Xapón (JICA Kansai Center), completando a súa formación en España, onde cursou un máster impartido pola Universidade Politécnica de Madrid e outro pola Universidade Politécnica de Cataluña.
Tivo a oportunidade de visitar numerosos complexos industriais de xestión de residuos en Europa, entre eles o de Sogama, posicionado hoxe coma o máis moderno e eficiente do continente, ademais de punto de referencia para países de todo o mundo.
Saúdos, Departamento de Comunicación