- Terá lugar o vindeiro mércores, 15 de febreiro, en Xixón, e á cita asistirán tamén os máximos responsables de entidades tales como Mare (Cantabria), Garbiker (Bizkaia), GHK (Gipuzkoa) e Cogersa (Asturias), actuando esta última como anfitrioa do evento
- Ademais de expoñer os plans de acción executados o pasado ano, cada empresa avanzará a folla de roteiro a seguir durante os próximos meses no marco da nova Lei estatal de Residuos e os obxectivos definidos pola UE
- O encontro culminará coa realización de distintos talleres de traballo nos que se abordarán temáticas tales como a estratexia e dirección xeral, a operación técnica, a xestión económico-financeira e de recursos humanos, e a comunicación e sostibilidade
Cerceda, a 10 de febreiro de 2023.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, xunto con membros do seu equipo, participará o vindeiro mércores, 15 de febreiro, no II Encontro de empresas públicas de xestión de residuos da cornixa cantábrica, que terá lugar en Asturias, concretamente en Xixón.
A xornada arrincará cun saúdo institucional de Nieves Roñequí, viceconselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, que tamén ostenta o cargo de vicepresidenta do Consorcio para a Xestión de Residuos Sólidos de Asturias (Cogersa), entidade esta última que actúa como anfitriona do evento.
Acto seguido, entrarán en escena os representantes das empresas públicas presentes nesta cita, os cales explicarán o plan de acción executado o pasado ano, así como a folla de roteiro programada para os próximos meses no marco da nova Lei estatal de Residuos e os obxectivos definidos pola Unión Europea.
Abrirá esta sección Javier Domínguez, que estará acompañado polo director xeral de Mare (Cantabria), José María Díaz González; o director xerente de Garbiker (Bizkaia), Jon Saenz de Viguera Erikaga; o director xeral de GHK (Gipuzkoa), César Gimeno Sandig; e a Xerente de Cogersa (Asturias), Paz Orviz Ibáñez.
OBRADOIROS DE TRABALLO
Como colofón da xornada, desenvolveranse distintos obradoiros de traballo centrados en temáticas tales como a estratexia e dirección xeral, a operación técnica, a xestión económico-financeira e de recursos humanos, e a comunicación e sostibilidade, dando a coñecer as conclusións dos mesmos no propio encontro.
Pero, máis aló de achegar información sobre as actividades desenvolvidas por cada unha das empresas públicas participantes, Domínguez Lino considera este evento como unha “magnífica oportunidade para compartir experiencias e, sobre todo, para analizar o modus operandi a seguir no marco da nova Lei 7/2022 estatal de Residuos e Solos Contaminados para unha Economía Circular, así como a canalización e repercusión dos impostos contemplados na mesma á vertedura e á incineración, que suporán un notable impacto económico para as empresas de xestión de residuos, municipios e cidadáns”.
Os avances ao redor da consecución dos obxectivos europeos de reciclaxe será outro dos puntos de gran interese para os participantes, toda vez que, en 2025, os países membros deben alcanzar o 55% de reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación