- O presidente de Sogama xustifícao en que este tipo de contedor, ao contrario que o de tapa aberta, permite reducir a porcentaxe de impropios e facilita a obtención dun compost de maior calidade
Cerceda, ao 14 de abril de 2023.- Coa vista posta no 31 de decembro de 2023, data límite fixada pola Unión Europea para que os concellos implanten nos seus termos municipais a recollida diferenciada da materia orgánica, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, recomenda aos entes locais que opten polo formato de contedor marrón con tarxeta ou chave, xa que este deseño, ao contrario que o de tapa aberta, contribúe a reducir a cantidade de impropios, limitándoa ao 3-4%, e facilita a obtención dun compost de maior calidade.
“As persoas que queren colaborar no sistema contarían xa coa súa propia tarxeta ou chave para depositar neste recipiente os residuos orgánicos, mentres que aqueles cidadáns que se mostran máis reticentes á colaboración, non terían posibilidade de introducir no contedor marrón outro tipo de refugallos”. Así o indicou Domínguez Lino no programa “Máis de un”, emitido por Onda Cero Monforte, onde explicou os termos do investimento, cuantificado en 1 millón de euros, que Sogama destinará a distintas melloras na planta de transferencia de Monforte de Lemos (Lugo), sendo a máis relevante a dotación dunha tolva independente para o transvasamento da materia orgánica.
O máximo responsable da empresa pública clarificou que esta obra, que prevé estea culminada a mediados do ano que vén, responde fundamentalmente á demanda de distintos municipios para aforrar custos de transporte, sendo 18 os concellos que poderán utilizar os servizos desta instalación para a transferencia dos residuos orgánicos recollidos a través do contedor marrón.
De forma paralela, recordou que Sogama destina un investimento de 40 millóns de euros (dos cales 30 millóns proceden dos Fondos Feder REACT EU) á construción dunha rede de infraestruturas deseñadas pola Xunta para a valorización da materia orgánica e que estará conformada por 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos – unha por provincia – e 13 plantas de transferencia de apoio). Con esta rede axudarase aos concellos a cumprir coas súas obrigacións legais, propiciando que a práctica totalidade dos municipios adscritos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Saúdos, Departamento de Comunicación