- Así se pronunciou Héctor Barco Cobalea en EsRadio, onde explicou o alcance dun problema, o desperdicio alimentario, con graves consecuencias ambientais, económicas e sociais, ademais de morais.
- Aínda que con variacións, todo apunta a que, nos países industrializados, as elevadas taxas de despilfarro obedecen en moitos casos a unha falta de planificación, mentres que nos menos desenvolvidos, débense á propia carencia de infraestruturas para a correcta conservación da comida.
- Nun caso e noutro, o certo é que, cando refugamos un alimento, estamos tirando pola borda todos os recursos investidos na súa produción, que son moitos.
- Ao seu xuízo, a economía circular constitúe unha oportunidade para poñer orde, pero non só na transformación de residuos en recursos, senón contemplando todo o ciclo de vida dos produtos: desde a súa concepción ata a súa xestión final, unha vez convertidos en refugallos.
Cerceda, a 12 de marzo de 2019.- Un de cada tres quilos de alimentos que se producen no mundo acaban desperdiciados. Un problema que, se ben pode traer consigo un primeiro impacto de tipo moral, o certo é que se trata dun fenómeno con múltiples aristas e graves consecuencias desde a dimensión ambiental, económica e social.
Así o explicou na emisora EsRadio Héctor Barco Cobalea, Licenciado en Ciencias Ambientais, Máster sobre a Ordenación Territorial na Área Mediterránea e doutorando na Universidade de Deusto sobre a redución das actuais taxas de despilfarro alimentario a nivel local e supralocal; unha tese que se enmarca no proxecto europeo Waste4Think e que o levou a unha estancia internacional en Italia, concretamente no centro de investigación da Comisión Europea.
No transcurso da entrevista radiofónica, Barco Cobalea confesou que a súa preocupación, e tamén a súa paixón por esta temática, emerxeu fai máis dunha década, tras ver unha reportaxe televisiva no que se daba conta da inxente cantidade de alimentos que acababan cada día no lixo. Comezou a indagar sobre esta temática e atopouse cunha panorama paradoxal e, ao mesmo tempo, desolador: tirábase unha cantidade inxente de alimentos ao lixo mentres que había moitas persoas que non tiñan unha cesta da compra digna. En 2012, cando os efectos da crise económica se facían máis patentes e profundos, decidiu apuntarse como voluntario do Banco de Alimentos de Sevilla, onde puido coñecer en primeira persoa a problemática do desperdicio alimentario.
A MÁIS DESPERDICIO, MENOS RECURSOS
A incidencia e os motivos que se atopan detrás do desperdicio alimentario nos distintos países do mundo resulta diversa e variable, pero si están identificados algúns elementos que o promoven ou o intensifican. No caso dos países industrializados, as elevadas taxas de despilfarro obedecen moitas veces a unha falta de planificación, mentres que, nos menos desenvolvidos, á propia carencia de infraestruturas para a correcta conservación da comida.
Nun caso e noutro, o certo é que cando refugamos un alimento, estamos tirando pola borda todos os recursos investidos na súa produción, que son moitos. Neste sentido, Barco Cobalea referiuse á economía circular como unha oportunidade para poñer un pouco de orde e articular as medidas coas que propiciar que os actuais índices de desperdicio se vaian minorando progresivamente. Non obstante, advertiu tamén que a economía circular non debe visualizarse unicamente como a transformación de residuos en recursos, senón como un plan de acción que contempla o produto durante todo o seu ciclo de vida, desde a súa concepción e o propio ecodeseño do mesmo ata o seu consumo final e xestión sostible do residuo producido. Referiuse á cadea agroalimentaria como ferramenta clave, polo que, tal e como asegurou, urxe coñecer con maior exactitude as cifras específicas do desperdicio alimentario en cada un dos sectores, xa que constitúe o motor de arranque para xerar posteriormente liñas de acción orientadas á minimizar este problema.
Así mesmo, desvelou que a clase política mostra unha gran preocupación ao respecto e percibe unha gran receptividade pola súa banda para abordar este fenómeno; pero advertiu tamén que a resolución do mesmo non está unicamente en mans dos científicos ou dos que toman decisións no ámbito político, senón que require da implicación de todos os cidadáns. “Hai que buscar a forma de que ao cidadán non lle salga mellor tirar que aproveitar”, sentenciou.
Saúdos, Departamento de Comunicación