- Lanzouse co asesoramento do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos e aglutina 77 boas prácticas que as oficinas de farmacia poden implantar no seu día a día para protexer a contorna.
· O obxectivo último deste recurso online é contribuír a que o traballo de farmacéuticos e técnicos das oficinas de farmacia se desenvolva de forma máis sostible e, a través do mesmo, se dea debido cumprimento aos ODS.
· A entidade enxalza o labor formativo e de asesoramento que desde as farmacias se leva a cabo en relación aos puntos SIGRE, onde o cidadán debe depositar os envases e restos de medicamentos para que sexan xestionados conforme á legalidade vixente.
Cerceda, a 9 de abril de 2019.- SIGRE Medicamento e Medio Ambiente, entidade sen ánimo de lucro cuxo cometido se centra en garantir a correcta xestión medioambiental dos envases e restos de medicamentos de orixe doméstica, lanzou, co asesoramento do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, unha nova web interactiva que leva por título “ecoFARMACIA” e que aglutina 77 boas prácticas que as oficinas de farmacia poden implantar no seu día a día para protexer a contorna.
Trátase dun recurso dirixido especificamente aos farmacéuticos e técnicos que desenvolven o seu labor nas oficinas de farmacia a fin de que dispoñan das principais medidas e iniciativas para que o seu traballo resulte máis sostible desde a dimensión ambiental e contribúa a dar debido cumprimento aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 de Nacións Unidas.
Estas medidas oriéntanse ao uso eficiente da enerxía, ao aforro de auga, á optimización dos recursos e ao uso responsable de bens e servizos. Catro ámbitos de actuación que rexen para as sete zonas nas que se dividiu unha oficina de farmacia tipo, isto é, fachada, escaparate e entrada; zona de dispensación; zona de atención personalizada e despacho do farmacéutico; zona de formulación maxistral; zona de almacenamento e traballo; zona de descanso; e cuarto de baño.
FÁCIL E ASEQUIBLE
Unha vez se accede a cada unha das 77 boas prácticas de sostibilidade recollidas na web, o usuario obtén unha breve descrición da acción que pode complementar con información adicional, recomendacións, consellos e referencias legais que contribúan a comprender e a interiorizar o alcance e vantaxes da súa aplicación.
Así mesmo, ten a opción de acceder a unha infografía, en formato pdf, que agrupa os xestos e medidas coas que coidar o medio ambiente desde a farmacia.
A través dos puntos SIGRE, nos que se recollen os envases e medicamentos fóra de uso que os cidadáns entregan nas oficinas de farmacia para que sexan correctamente xestionados conforme á lexislación vixente, o farmacéutico e persoal técnico levan a cabo un importante labor de información e asesoramento que agora se suma a outras medidas que poden implantar nas propias oficinas para propiciar unha maior contribución á sostibilidade, sendo un exemplo a seguir.
Fonte: SIGRE
http://www.sigre-ecofarmacia.es/
Saúdos, Departamento de Comunicación