- Trátase do primeiro paso para aprobar unha nova lexislación na materia que permitirá diminuír a produción de RAEE, xa que, ao comprar un novo dispositivo, este non virá automaticamente co seu cargador
Cerceda, a 3 de maio de 2022.- A Comisión de Mercado Interior e Protección do Consumidor, pertencente ao Parlamento Europeo, adoptou unha posición favorable respecto da iniciativa de establecer un cargador común para os dispositivos eléctricos e electrónicos. Trátase do primeiro paso para aprobar unha nova lexislación na materia que permitirá reducir a xeración de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) xa que, ao comprar un novo dispositivo, este non virá automaticamente co seu correspondente cargador.
A proposta debaterase este mes no pleno do Parlamento Europeo co obxectivo de que a interoperabilidade das tecnoloxías sexa efectiva en 2026.
A Fundación ECOLEC valora positivamente este impulso ao consideralo un elemento crave para xestionar correctamente este tipo de residuos e potenciar, de forma paralela, o modelo de Economía Circular na Unión Europea.
“As estimacións do Parlamento Europeo indican que, cada ano, chegan a Europa uns 500 millóns de cargadores que xeran entre 11.000 e 13.000 toneladas de RAEE. Con esta iniciativa poderanse reducir custos de produción, darase un impulso á reutilización e, por suposto, potenciarase o modelo circular, clave para a consecución do Pacto Verde Europeo, e que permite reaproveitar os compoñentes daqueles dispositivos en desuso para fabricar novos aparellos”, apuntou Rafael Serrano, director de Relacións Institucionais, Marketing e Comunicación de Fundación Ecolec.
Deste xeito, segundo adiantou o Parlamento Europeo, calquera dispositivo electrónico como móbiles, tablets, consolas ou cámaras deberán contar cun porto USB tipo C, independentemente do fabricante. Só estarían exentos a esta normativa aqueles aparellos que sexan demasiado pequenos como para ter este tipo de porto (smartwatch, algúns equipos deportivos ou dispositivos sanitarios).
Así mesmo, tal e como sinalou Serrano, o consumidor verase especialmente beneficiado, en caso de establecerse un cargador común, porque facilitará a súa decisión de compra e permitiralle un aforro económico.
Fonte e imaxe: FuturEnviro