- Dado que o modelo lineal de comprar, usar e tirar conduce ao desabastecemento do planeta, urxe avanzar cara a un sistema de economía circular que permita ampliar a vida útil dos produtos e darlles unha segunda ou terceira oportunidade a fin de preservar os escasos recursos naturais.
- Segundo un informe elaborado por McKinsey, en colaboración coa Fundación Ellen McArthur, un enfoque circular podería xerar ás compañías europeas un aforro de custos duns 600.000 millóns de euros anuais.
- Así mesmo, a OIT estima que a economía circular xeraría uns 100 millóns de empregos a nivel global ata 2030 en comparación co escenario actual, influíndo tamén na cualificación dos traballadores.
Cerceda, a 12 de xullo de 2021.- O modelo lineal de comprar, usar e tirar conduce ao desabastecemento do planeta, de aí a necesidade de avanzar cara a un sistema de economía circular que permita ampliar a vida útil dos produtos e darlles unha segunda ou terceira oportunidade a fin de preservar os escasos recursos naturais.
A xuízo do profesor do Curso de Economía Circular da UC Berkeley Extension, Manuel Maqueda, “Este sistema é aplicable a todos os sectores da economía e ofrécenos un beneficio tanto económico como ambiental”. O experto dá conta dalgunhas das claves para entender por que a economía circular, as empresas e o emprego van da man.
1.Vantaxe competitiva
A economía circular resulta máis rendible e resiliente, polo que as compañías terán ingresos máis estables e recorrentes. Á súa vez, isto conduce a unha rebaixa no prezo de determinados bens e servizos, que serán máis accesibles ás rendas baixas.
Segundo un informe elaborado por McKinsey, en colaboración coa Fundación Ellen McArthur, un enfoque circular podería xerar un aforro de custos duns 600.000 millóns de euros ao ano en Europa.
2. Novos modelos de negocio e máis innovación
Un estudo publicado pola consultora Accenture apunta a que a economía circular xera, alomenos, catro grandes áreas de desenvolvemento de novos modelos de negocio. A primeira está relacionada coa xeración de cadeas de subministración circulares. Outra delas utilizaría plataformas compartidas para optimizar o consumo colaborativo de produtos e bens. A terceira, estaría orientada á extensión dos ciclos de vida de produtos, o que posibilitaría a aparición de novos modelos de negocio en áreas como a reparación, mantemento ou a revenda. E, por último, aquelas actividades empresariais orientadas á recuperación e a reciclaxe, creando valor a través da recuperación de subprodutos ou refugallos.
Máis aló dos beneficios para as empresas, coa economía circular créanse novas tecnoloxías que axudan a xerar valor económico. A vantaxe é tripla: aumenta a seguridade da subministración, redúcese a necesidade de utilizar materias primas virxes, e diminúe a dependencia das importacións.
3. Adaptabilidade á COVID-19 e postpandemia
A COVID-19 sacudiu o mercado laboral. Moitas profesións de sectores que, a priori parecían estables, víronse seriamente golpeados. A recuperación económica virá acompañada de cambios profundos. Neste novo contexto, os profesionais deberán ter coñecementos dixitais, globais e ambientais, con independencia do sector. “A economía circular é máis resiliente ás crises porque os modelos de negocio circulares permiten formas de ingresos máis diversas, sostibles, intensivas en emprego e recorrentes”, explica Maqueda.
4. Movemento global
En 2015, a Comisión Europea adoptou un plan de acción para impulsar a transición de Europa cara a unha economía circular. Esta estratexia pasa por impulsar a competitividade mundial, promover o crecemento económico sostible e xerar novos postos de traballo.
Ademais das directrices comunitarias, o plan obriga aos países membros a adoptar medidas específicas para lograr esta transición desexada. Europa non é a única que entendeu a importancia desta transformación. Numerosos países e rexións, como Canadá ou China, aprobaron medidas similares.
5. Novas oportunidades
A Organización Internacional do Traballo (OIT) estima que a economía circular xeraría uns 100 millóns de postos de traballo a nivel global ata 2030 en comparación co escenario actual, influíndo tamén na cualificación dos traballadores, que van necesitar desenvolver novas capacidades e formas de pensar. É un reto maiúsculo e global, e repleto de oportunidades.
Fonte: Gestores de Residuos
Imaxe: Pexels