- As áreas máis demandadas serán as vinculadas á xestión de residuos, a eficiencia enerxética e a loita contra a contaminación.
- Así se recolle no informe Perspectivas sociais e do emprego no mundo 2018: Sostibilidade medioambiental con emprego, da Organización Internacional do Traballo (OIT).
- Neste marco, emerxerán novas profesións vinculadas á saúde ambiental, ao turismo sostible e ao ecodeseño.
Cerceda, a 20 de febreiro de 2020.- Segundo o informe Perspectivas sociais e do emprego no mundo 2018: Sostibilidade medioambiental con emprego, da Organización Internacional do Traballo (OIT), a transición cara a unha economía máis verde traerá consigo a creación de novos empregos de aquí a 2030, concretamente 24 millóns de postos de traballo.
O estudo sinala que as áreas máis demandadas serán as vinculadas á xestión de residuos, a eficiencia enerxética e a loita contra a contaminación, e constata que seis millóns de empregos poden ser creados grazas a actividades tales como reciclar, reparar, alugar e refabricar, propias da economía circular, substituíndo así o modelo económico tradicional de «extraer, fabricar, usar e refugar».
Tomando estas previsións como referencia, a pregunta que cabe facer é como debe plasmarse esta tendencia no ámbito universitario a fin de profesionalizar aos cidadáns e atender ás demandas reais do mercado.
Para a vicerreitora de Competitividade e Empregabilidade da UOC, Àngels Fitó, «A relación co medio ambiente é un aspecto global que interpela a diferentes profesionais, en ámbitos como a tecnoloxía, a bioloxía, o dereito, a economía ou as humanidades”. En consecuencia, a oferta formativa debe incorporar o compromiso co medio ambiente e o seu coñecemento como unha materia transversal en todas as etapas do sistema educativo».
SAÚDE AMBIENTAL, TURISMO SOSTIBLE E ECODESEÑO
No ámbito da medicina, o estudo da OIT apunta que xurdirán novas profesións vinculadas á saúde medioambiental. Ramon Gomis, director dos Estudos de Ciencias da Saúde da UOC, explica que «o cambio climático afecta á nosa saúde porque, por exemplo, se a temperatura sobe de media dous graos, hai máis mortalidade entre as persoas maiores. Tamén aumentan as infeccións, e os cadros de deshidratación e enfermidades intestinais son máis potentes». Gomis cre que «a prevención das enfermidades non incluirá só o que facemos individualmente e a nosa comunidade, senón que tamén terá en conta as actitudes globais que afectan o equilibrio dos nosos ecosistemas».
Outra das actividades con máis impacto no planeta é o turismo debido aos desprazamentos, pero tamén ten un importante impacto na contorna, tanto para os espazos naturais como para os habitantes da zona.
Unha das novas profesións nadas co cambio climático é a de ecodeseñador, cuxa función será dar solucións a inquietudes da sociedade actual como a ecoeficiencia, a condición saudable dos espazos, os novos materiais, a conectividade de internet das cousas (IoT) ou as tecnoloxías de última xeración, como a intelixencia artificial ou a robótica.
Os empregos relacionados coa enerxía renovable tamén están ao alza. Segundo o último informe da Axencia Internacional de Enerxía Renovable (IRENA), en 2018 había once millóns de persoas traballando no campo da enerxía renovable en todo o mundo.
Fonte: UOC
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación