- A fundación medioambiental cre que este fluxo de residuos representa un auténtico reto ambiental e tamén unha oportunidade de crecemento socioeconómico para o sector da reciclaxe polo volume que alcanzará nos próximos anos.
- Ecopilas participa actualmente no proxecto europeo Lions2Life, cuxo obxectivo é reutilizar este tipo de baterías como sistemas de almacenamento de enerxía en vivendas ou instalacións industriais con paneis solares.
Cerceda, a 27 de maio de 2021.- Ecopilas reciclou 54.358 quilos de baterías de vehículos de mobilidade eléctrica en 2020, o que representa un crecemento do 67% respecto do ano anterior.
A fundación medioambiental, que publicou estes resultados coincidindo coa celebración, o pasado 17 de maio, do Día Mundial da Reciclaxe, cre que este fluxo de residuos, que inclúe baterías de patinetes, bicicletas, motos e coches eléctricos, representa un auténtico reto ambiental e tamén unha oportunidade de crecemento socioeconómico para o sector da reciclaxe polo volume que alcanzará nos próximos anos.
CIFRAS
En concreto, Ecopilas reciclou 24.980 quilos de baterías de coches eléctricos o ano pasado, un 136% máis que en 2019. En segundo lugar, sitúanse as baterías das motos eléctricas, que rexistraron un crecemento do 64%, pasando de 11.566 quilos en 2019 a 18.980 o ano pasado.
Así mesmo, a recollida de baterías de bicicletas e patinetes eléctricos mantívose estable en 2020, con 10.398 quilos fronte aos 10.391 quilos rexistrados en 2019.
Con todo, a organización prevé un incremento do fluxo de baterías dos vehículos de mobilidade persoal, en especial bicicletas e patinetes, tralo crecemento de vendas de unidades rexistrado e provocado pola crise sanitaria, ao tratarse dun transporte seguro e alternativo.
De feito, segundo o informe Atlas Europeo de Mobilidade 2021, as bicicletas eléctricas representan ao redor do 17% das vendas na Unión Europea, unha cifra que aumenta ata o 50% nalgúns países. En 2019 alcanzáronse os 3,4 millóns de unidades e, para 2030, agárdase que o mercado chegue aos 13,5 millóns anuais.
Pola súa banda, en España circulan actualmente uns 700.000 patinetes eléctricos, que alcanzarán o millón de unidades a curto prazo, segundo a Federación Española de Vehículos de Mobilidade Persoal.
SOBRE ECOPILAS
Ecopilas agrupa aos principais fabricantes de vehículos eléctricos e híbridos do noso país, así como aos de vehículos de mobilidade persoal, obrigados a financiar e organizar a xestión ambiental das baterías ao finalizar a súa vida útil. Para facilitar a recollida destes residuos, a fundación dispón desde 2013 dunha operativa específica con especial foco na seguridade do seu transporte e a preparación para a súa reutilización ou a súa reciclaxe.
Ademais, Ecopilas participa actualmente no proxecto europeo Lions2Life, cuxo obxectivo é reutilizar este tipo de baterías como sistemas de almacenamento de enerxía en vivendas ou instalacións industriais con paneis solares.
Fonte: FuturEnviro
Imaxe: Pexels