- O galardón foi recollido polo presidente de Ecopilas, José Pérez García, que estivo acompañado polo director xeral de Recyclia, Gabriel García, e o director comercial e de empresas, Gonzalo Torralbo
Cerceda, a 13 de decembro de 2022.- Ecopilas recibiu en París o premio The European Awards á sostibilidade ambiental no marco dun evento no que se deron cita os representantes de numerosas organizacións profesionais e empresariais de distintos países de Europa e empresarios dos máis diversos ámbitos, especialmente da área sociosanitaria e ambiental.
O galardón foi recollido polo presidente de Ecopilas, José Pérez García, que estivo acompañado polo director xeral de Recyclia, Gabriel García, e o director comercial e de empresas, Gonzalo Torralbo.
Constituída no ano 2000 polos principais fabricantes e importadores de pilas, a Fundación Ecopilas é un Sistema Colectivo de Responsabilidade Ampliada do Produtor para a xestión dos residuos de pilas e baterías, que ten por obxecto a correcta xestión destes materiais.
IV EDICIÓN DE PILABOT
Noutra orde de cousas, cabe lembrar que en Galicia xa arrincou a IV edición de Pilabot, unha campaña organizada pola Xunta de Galicia, en colaboración con Ecopilas, ERP e Ecolec, e dirixida aos centros educativos coa pretensión de premiar a súa participación na recollida de pilas.
A actividade central volverá a ser o concurso escolar de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores. Para isto repartiranse entre todos os participantes bidóns colectores e material informativo como paso previo ao arranque da recollida, que comezará oficialmente o próximo 11 de xaneiro e prolongarase durante un período de seis semanas (ata o 14 de abril).
Os centros participantes, que competirán entre si para conseguir as mellores cifras de recollida, poderán optar aos 7.500 euros divididos en catro premios: dous de 2.500 euros cada un para o centro que máis quilos recupere e para o que teña a mellor taxa de recollida por alumno, e outros dous, de 1.250 euros, para os segundos clasificados en cada categoría.
Na convocatoria pasada chegáronse a reciclar máis de 50 toneladas de pilas.
Fonte e imaxe: Ecopilas