- O documento recolle máis de 50 medidas orientadas a reducir o peso dos envases, favorecer a súa reciclabilidade e minimizar o uso de plástico nos mesmos
- Tal e como indica a Fundación Ellen MacArthur, dependendo da tipoloxía de envase, ata o 80% do seu impacto pode quedar determinado na etapa de deseño
- Esta guía pretende ser un documento de gran utilidade para alcanzar o obxectivo europeo de que en 2030 todos os envases postos no mercado sexan 100% reciclables
Cerceda, a 14 de febreiro de 2023.-Ecovidrio e Stanpa (Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética), presentaron unha guía de ecodeseño dirixida á industria da perfumería e cosmética española, formada por máis de 400 entidades. Esta nova guía contempla recomendacións para reducir o peso ou evitar a presenza de elementos que dificulten a reciclaxe do vidro, como é o caso da cerámica ou o opal, entre outros.
MEDIDAS E BOAS PRÁCTICAS
O documento, baseado no estudo das últimas tendencias, informes técnicos de referencia e fontes internacionais, ten como obxectivo poñer ao dispor das compañías unha selección das mellores prácticas en materia de ecodeseño, así como o detalle das medidas e o coñecemento técnico necesario para reducir o impacto ambiental en todo o ciclo de vida do envase.
Entre os consellos achegados, figuran reducir o peso das tapas para consumir menos materias primas, seleccionar dosificadores monomaterial, simplificar o deseño de impresión das caixas para diminuír o uso de tintas e favorecer a reciclabilidade, suprimir ou reducir algúns elementos como os estoxos ou os folletos, ou ben minimizar o uso de filme plástico no envasado terciario, entre outros.
As 55 medidas, adaptadas ás características e singularidades do sector, atópanse enmarcadas en sete grandes liñas de traballo que contemplan a eliminación de elementos, a redución do peso unitario, a optimización de formatos, o fomento da reutilización, a mellora da reciclabilidade, a redución da pegada ambiental e medidas de acompañamento.
O documento inclúe unha análise dos diferentes elementos propios do envasado primario como recipientes, peches e etiquetaxes, así como aqueles propios do envasado secundario e terciario, ofrecendo ao mesmo tempo protocolos e ferramentas destinados a facilitar a implementación do ecodeseño na actividade diaria das compañías, recomendacións para reducir o seu impacto ambiental e maximizar a reciclaxe de todos os elementos que compoñen o envase.
ECODESEÑO, ETAPA CRUCIAL
A etapa de deseño do envase xoga un papel crave no seu ciclo de vida e na sostibilidade posterior. Tal e como indica a Fundación Ellen MacArthur, dependendo da tipoloxía de envase, ata o 80% do seu impacto pode quedar determinado nese momento.
O novo marco normativo fixado polo Real Decreto de Envases e Residuos de Envases, e o firme compromiso do sector de incrementar a sostibilidade en toda a súa cadea de valor, situou ao ecodeseño como unha prioridade na transición cara a un modelo produtivo máis sostible e circular.
Esta guía pretende ser de gran utilidade para alcanzar o obxectivo europeo de que en 2030 todos os envases postos no mercado sexan 100% reciclables.
Fonte e imaxe: Ecovidrio