- O obxectivo deste programa é xerar un espazo de mellora continua en materia de sostibilidade e eficiencia das instalacións
Cerceda, a 14 de setembro de 2023.- Ecovidrio lanzou o seu programa “Cadea Circular”, ao que se uniron 13 plantas de tratamento de vidro do noso país no seu compromiso cun modelo produtivo máis sostible e circular. O obxectivo deste programa é xerar un espazo de mellora continua en materia de sostibilidade e eficiencia, polo que non só contempla o intercambio de coñecemento, senón que promove a difusión de boas prácticas en materia de calidade, plans de eficiencia enerxética e a medición da pegada de carbono, entre outros.
Entre as medidas máis adoptadas polas 13 plantas de tratamento de envases de vidro que forman parte desta iniciativa, destaca a implementación de plans de aforro enerxético mediante a substitución de equipos antigos de alto consumo, cambio de luminarias ou a instalación de paneis solares, así como a posesión de certificados ambientais e o cumprimento de altos estándares de calidade do tratamento para reaproveitar a máxima cantidade de residuo.
A estreita colaboración coa Agrupación Nacional de Reciclaxe de Vidro (ANAREVI) fixo posible a creación da Guía de Boas Prácticas que, desde 2020, subscriben as plantas e que contempla aspectos de sostibilidade, xestión ambiental e de residuos, rastrexabilidade, rendemento e prevención de riscos laborais, aliñadas coas Mellores Técnicas Dispoñibles (MTDs) do tratamento do vidro da Unión Europea.
O programa ‘Cadea Circular’, impulsado en 2022 por Ecovidrio, forma parte da Estratexia de Sostibilidade da entidade, que se orienta a reducir o impacto ambiental das operacións e a xerar un impacto social positivo. Isto pasa por mobilizar e promover a circularidade da cadea de valor, reducir a pegada ambiental dos procesos e impulsar a transparencia cos socios, colaboradores, cidadáns e administracións públicas.
Fonte e imaxe: Ecovidrio
Saúdos, Departamento de Comunicación