- Baixo a organización dos centros tecnolóxicos Ainia e Aimplas, terá lugar na Cámara de Comercio de Valencia os días 29 e 30 de maio.
- A súa pretensión é abordar os principais desafíos aos que se enfronta a industria do plástico, tendo en conta ese gran obxectivo establecido pola UE para que todos os envases fabricados con este material sexan reutilizables e reciclables baixo o paraugas da sostibilidade.
- Eríxese nun encontro ao que están chamados a participar os principais axentes de toda a cadea de valor do envase plástico co fin de debater sobre as solucións actuais e os retos futuros para o sector nun marco de economía circular.
- Tamén haberá unha zona de exposición que acollerá os últimos desenvolvementos e solucións actuais en envases barreira sostibles.
Cerceda, a 9 de maio de 2019.- “Tendencias en envases barreira sostibles: cara ao obxectivo H2030”. Así reza o título da próxima edición de MeetingPack 2019, que terá lugar en Valencia (Cámara de Comercio) os días 29 e 30 de maio coa pretensión de abordar os principais desafíos aos que se enfronta a industria do plástico, toda vez que o obxectivo da UE é que todos os envases fabricados con este material sexan reutilizables e reciclables baixo o paraugas da sostibilidade. Albíscase, polo tanto, un período de adaptación e cambios no sector, resultando primordial abordar toda a cadea de valor e o ciclo de vida dos envases.
Organizado por AINIA e AIMPLAS, no marco da súa alianza estratéxica para ofrecer solucións integrais en envase plástico a toda a cadea de valor alimentaria, cosmética e farmacéutica, este congreso eríxese en punto de encontro ao que están chamados a participar os principais axentes de toda a cadea de valor do envase plástico coa pretensión de debater sobre as solucións actuais e os retos futuros aos que se enfrontan estes materiais, facilitando a evolución do packaging cara a un mercado máis sostible.
PRIORIDADES
Así, o aproveitamento de subprodutos para o desenvolvemento de novos materiais de envasado, o deseño de solucións de envasado que faciliten o seu reciclado e a adecuación dos procesos de fabricación serán algúns dos aspectos clave a abordar, toda vez que a economía circular, a reciclaxe, o ecodeseño e o emprego de biomateriais van marcar as tendencias nos novos desenvolvementos.
Tomando como referencia os obxectivos establecidos pola Comisión Europea para 2030 no ámbito da sostibilidade dos envases, MeetingPack pretende fomentar o intercambio de necesidades e solucións ante unha serie de cuestións vinculadas ao aproveitamento de residuos para a fabricación de envases, tomando en consideración o papel dos biopolímeros, materiais biobasados e materiais compostables, o potencial dos envases barreira e seguros fabricados a partir de material reciclado e reciclables, o ecodeseño e os procesos de fabricación adecuados para materiais sostibles.
Mentres que o congreso profundará nos desafíos da sostibilidade no envase a través da experiencia e coñecemento transferido e transmitido por referentes internacionais do sector, bens de equipo, empresas de alimentación e distribución, a zona de exposición farase eco dos últimos desenvolvementos e solucións actuais en envases barreira sostibles.
A isto súmase a presentación de pósters cos resultados de proxectos internacionais nos que a economía circular é o foco principal.
Cabe sinalar que a edición de MeetingPack 2017 aglutinou a participación de 300 representantes da cadea de valor do envase, propiciando o debate sobre as tendencias e solucións actuais en temas de envases barreira e dando lugar a novas iniciativas de I+D+i, así como ao establecemento de novas relacións de negocio.
Fonte e imaxe: www. meetingpack.com
Saúdos, Departamento de Comunicación