- Mañá, día 26 de xaneiro, celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha xornada coa que se pretende enxalzar a importancia da educación e a formación para o coidado da contorna e a propia saúde.
- Sogama destina unha parte importante dos seus recursos a acciones educativas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos e á protección do medio ambiente no seu conxunto.
- É o caso, entre moitas outras, do seu programa “Recíclate con Sogama”, que aglutina a participación de 34.000 escolares de distintos puntos de Galicia, así como a plataforma pedagóxica ambiental www.cadernoverde.gal.
- Tamén cabería destacar os seus cursos de formación online, nos que participaron máis de 700 persoas (docentes, representantes dos concellos e membros das Forzas de Seguridade).
- E todo isto complementado coa súa actividade estrela, o programa de visitas ás súas instalacións, polo que pasaron máis de 75.000 persoas.
Cerceda, a 25 de xaneiro de 2019.- Mañá, 26 de xaneiro, celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha efeméride coa que se pretende enxalzar a importancia da educación e a formación para a protección da contorna e a saúde.
Desde o inicio da súa actividade, os labores educativos e de concienciación social na preservación do medio ambiente ocuparon un lugar prioritario na folla de ruta desta Sociedade pública. Ás habituais campañas de promoción do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), únense outras moitas iniciativas tales como a edición de distintas publicacións, a organización de xornadas e seminarios, a impartición de charlas dirixidas a distintos colectivos sociais, a colaboración en eventos de proxección medioambiental e, por suposto, todas as iniciativas orientadas ao mundo escolar.
PRINCIPAIS ACCIÓNS
Entre estas últimas cabería destacar o programa “Recíclate con Sogama”, canalizado, cuxo obxectivo é introducir a reciclaxe nas aulas, aglutinando xa a participación de 34.000 escolares pertencentes a colexios de distintos puntos de Galicia, así como a plataforma pedagóxica “Caderno Verde” (www.cadernoverde.gal), na que os pequenos teñen a oportunidade de profundar no estudo das distintas materias integradas no currículum académico, pero cunha perspectiva ambiental. Desde o inicio da súa actividade, a plataforma recibiu preto de 130.000 visitas, con máis de 740.000 páxinas vistas, sendo de gran utilidade para alumnos, profesores e pais.
Os cursos online de Sogama constitúen outro dos grandes atractivos da súa estratexia educativa. Ata o día de hoxe, a entidade materializou 13 cursos nos que participaron máis de 700 profesionais do mundo do ensino, técnicos e cargos políticos municipais, así como membros da Forzas de Seguridade (Garda Civil e Policía Local).
Clasificados en básicos (30 horas lectivas) e avanzados (50 horas lectivas), a pretensión dos mesmos é transmitir as nocións básicas na xestión sostible dos residuos urbanos e desgranar o concepto de economía circular. Precisamente o vindeiro luns, a empresa inicia un novo curso online baixo o título “A educación ambiental, unha aposta de futuro”, que orienta aos concellos adscritos ao seu modelo.
Así mesmo, o seu programa de visitas, máximo expoñente da política de portas abertas e transparencia da que fai gala esta compañía, xa aglutinou a participación de máis de 75.000 persoas de distintos perfís académicos e profesionais, que tiveron a oportunidade de coñecer as entrañas das instalacións de Sogama a través dun percorrido guiado por educadores especializados complementado cunha sesión formativa.
Os visitantes que así o desexen teñen a oportunidade de valorar, a través dun cuestionario anónimo e voluntario, os pormenores deste programa. Os resultados son moi positivos ao asegurar, máis do 90% dos participantes, que Sogama realiza un importante labor para o coidado do medio ambiente en Galicia.
Saúdos, Departamento de Comunicación