- A formación e sensibilización na xestión sostible dos residuos municipais foi sempre unha prioridade para Sogama, converténdose, a día de hoxe, nun piar esencial do seu labor
Cerceda, a 14 de outubro de 2024.-A aplicación do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) constitúe o soporte básico do éxito de calquera sistema, de aí a importancia de que a poboación diminúa a produción de residuos, de que amplíe a vida útil dos produtos a través da reutilización e de que deposite cada refugallo no contedor correspondente para garantir o seu posterior reciclado. De non ser así, por moito esforzo e tecnoloxía que achegue a planta de tratamento finalista, neste caso Sogama, o seu resultado non garantirá unha reciclaxe de calidade coma se se canalizase desde a selección en orixe, xa que os materiais, ao ir mesturados coa fracción resto, ensucíanse e deteriórase en gran medida.
Ademais, o custo económico para os concellos será maior, xa que o canon que deben pagar a Sogama pola xestión da bolsa negra aplícase por tonelada de residuos entregada nas súas instalacións. Por isto é polo que, canta menos cantidade de lixo remitan á compañía, menor será o importe da factura que deben pagar, e cantos máis materiais desvíen cara á reciclaxe en orixe, máis diñeiro recibirán por parte das entidades ambientais encargadas do mesmo.
As vantaxes ambientais, económicas e sociais derivadas da reciclaxe son de tal magnitude, que Sogama, non só dará continuidade ás súas accións de educación ambiental, senón que as reforzará para que os 295 concellos que utilizan os seus servizos poidan beneficiarse das mesmas.
Programa visitas 2024-2025
Así, e coincidindo co inicio do curso académico 2024-2025, a compañía abriu o seu programa de visitas ao Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), polo que xa pasaron máis de 84.000 persoas.
Co apoio dun equipo educativo especializado, a empresa pública mostra, desde a máxima transparencia e rigor, a súa operativa industrial e de xestión a fin de que os colectivos que así o desexen poidan coñecela en primeira persoa.
Por razóns de seguridade, os visitantes con idades comprendidas entre os 9 e os 18 anos, poden coñecer o tratamento ao que se someten os residuos urbanos a través dun percorrido virtual 360º no que teñen a oportunidade de ver todas as plantas que integran o complexo cercedense: desde a de clasificación de envases lixeiros, onde se reciben os envases de plástico, as latas e os briks depositados pola cidadanía no contedor amarelo, procedendo á súa separación por tipos de material e posterior envío aos centros recicladores, ata as plantas que integran o tratamento da fracción resto introducida no contedor xenérico. Tamén neste caso, e utilizando modernas e innovadoras tecnoloxías, a empresa consegue seleccionar, do lixo en masa, os residuos reciclables, que envía á industria transformadora, acondicionando cos non reciclables un combustible derivado de residuos (CDR) que é valorizado na planta termoeléctrica para a súa conversión en enerxía eléctrica renovable, podendo satisfacer a demanda enerxética do 12% dos fogares galegos.
No caso dos maiores de 18, a visita virtual compleméntase cun itinerario a pé e, no dos menores de 18, cun percorrido en autobús. Non obstante, todos os grupos visitantes teñen a oportunidade de complementar e reforzar coñecementos con xogos tradicionais e en liña, nos que poden poñer a proba a súa bagaxe na recollida selectiva de residuos e a súa capacidade para discernir con claridade os materiais que deben introducirse en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas.
Os que así o desexen, poden cubrir unhas enquisas en liña nas que, de forma anónima, avalían todos os ingredientes da visita: desde as atencións e explicacións dos monitores, ata o percorrido efectuado e adaptación dos contidos ás súas competencias e nivel formativo.
“Recíclate con Sogama”
Pero, máis aló do programa de visitas, Sogama abordou unha nova edición (a número 13) do programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, e cuxo obxectivo é implantar a recollida selectiva de residuos nas aulas, creando hábitos e conciencia. Se ben ata o de agora esta iniciativa dirixiuse fundamentalmente a centros de primaria, este curso ampliarase a ESO e FP básica.
A entidade proporcionará aos centros participantes unha serie de medios e recursos materiais e pedagóxicos dos que farán uso para desenvolver os seus proxectos, contando co apoio de educadores de Sogama, que se trasladarán periodicamente ás aulas para prestar asesoramento e impartir formación presencial.
A día de hoxe, participaron nesta iniciativa 45.500 alumnos e preto de 2.300 docentes, que traballaron permanentemente para que os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) fosen unha realidade no ámbito escolar.
Caderno Verde e Onde Vai
Pola súa banda, a plataforma educativa Caderno Verde www.cadernoverde.gal, sorprenderá este curso con novos contidos interactivos e novas temáticas de gran interese na escola e no ámbito familiar. Concibida para traballar a educación ambiental na casa e no colexio, está orientada ao alumnado de primaria e secundaria, que poderá estar ao día e aprender sobre cuestións de máxima actualidade: reciclaxe, cambio climático, enerxías renovables, fauna, natureza etc. Para cuantificar o grao de aprendizaxe, os usuarios teñen á súa disposición fichas didácticas complementadas con divertidas tarefas, vídeos e actividades que garanten unha aprendizaxe lúdica.
O buscador de residuos “Onde vai” https://ondevai.sogama.gal/ga, é outra das campañas que está ao dispor dos interesados no sitio web de Sogama e a través da cal os internautas poden consultar, en tempo real, o contedor ou punto de destino dun determinado residuo. Con isto, redúcese o risco de erro, resólvense dúbidas e garántese unha correcta selección dos refugallos.
Cursos e sesións formativas
Cursos e sesións formativas, tanto presenciais como en liña, ademais de talleres e outras campañas, complementan o plan de educación ambiental de Sogama, caracterizado pola súa diversidade e capacidade de adaptación ás necesidades e demandas dos distintos grupos sociais, pero tamén pola súa indubidable contribución á economía circular da nosa comunidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación