- A autocompostaxe cobrará protagonismo, toda vez que esta empresa pública entregou ao centro un composteiro, que permitirá á comunidade educativa elaborar abono natural a partir da materia orgánica xerada, que aplicarán posteriormente nas zonas verdes do recinto escolar.
- Falarase tamén da actividade industrial de Sogama, que leva a cabo unha xestión integral dos residuos priorizando a reciclaxe e valorizando enerxeticamente a fracción non reciclable, así como da necesidade de minorar o desperdicio alimentario e o negativo impacto ambiental da contaminación mariña por plásticos.
Cerceda, a 9 de outubro de 2019.- Mañá, 10 de outubro, educadores ao servizo de Sogama desprazaranse á localidade de Ribadeo (Lugo) para impartir diversas sesións formativas dirixidas a un total de 165 escolares de Primaria.
A xestión sostible dos residuos urbanos centrará a xornada, abordando cuestións tales como o consumo responsable, o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a actividade industrial de Sogama, que vela pola reciclaxe dos materiais susceptibles de ser recuperados a través desta vía e a valorización enerxética da fracción non reciclable, producindo, a partir da mesma, electricidade suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
A autocompostaxe cobrará protagonismo, toda vez que Sogama subministrou a este centro un composteiro de 400 litros de capacidade, e fabricado con materiais reciclados e reciclados, para que a comunidade educativa poida elaborar compost a partir dos residuos orgánicos e aplicalo posteriormente nas zonas verdes axardinadas do recinto escolar.
Falarase tamén da necesidade de minorar o desperdicio alimentario, pois no mundo refúgase, ao longo da cadea, un terzo dos alimentos que se producen para o consumo humano, sendo o fogar, cun 42%, o ámbito que máis contribúe a este fenómeno, con graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e morais.
Neste sentido, proporcionaranse as claves para evitar que a comida acabe arroxada ao cubo do lixo: revisar a despensa e a neveira para consumir antes os produtos máis antigos, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo responsable, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para novos menús.
Abordarase igualmente a contaminación mariña por plásticos e o seu impacto sobre os ecosistemas mariños, a fauna, o turismo, a pesca e a propia alimentación humana.
Saúdos, Departamento de Comunicación