- Trátase dunha Asociación Sociocultural sen ánimo de lucro que ten por obxecto a plena inclusión das persoas con discapacidade
- O grao de implicación e participación dos usuarios durante a sesión foi tal, que esta prolongouse 50 minutos máis do previsto, mostrando en todo momento un interese excepcional na protección do medio ambiente a través da xestión sostible dos residuos urbanos
Cerceda, a 9 de maio de 2022.- Educadores de Sogama desprazáronse a pasada semana a Ferrol para impartir unha sesión lúdico-formativa destinada aos usuarios da Asociación Sociocultural ASCM, entidade sen ánimo de lucro que iniciou a súa traxectoria en 1987 e que ten como obxectivo prioritario a plena inclusión das persoas con discapacidade.
O nivel de implicación dos participantes durante a sesión foi tal, que esta prolongouse 50 minutos máis do previsto. Efectuaron numerosas preguntas, así como observacións e comentarios sobre a contribución cidadá á xestión sostible dos residuos urbanos.
Os monitores, ademais de dar resposta a todas as cuestións expostas, detivéronse en explicar a problemática que trae consigo a elevada xeración de refugallos nas sociedades modernas e as vantaxes que reporta a aplicación diaria do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Para isto, abundaron na necesidade de consumir de forma responsable, de elaborar unha lista previa da compra e cinguirse á mesma, de priorizar a adquisición de produtos locais e de tempada, e de evitar o desperdicio alimentario. Con tal fin, resulta conveniente que os consumidores aprendan a diferenciar a data de caducidade (momento a partir do cal un produto pode ser nocivo para a saúde) da data de consumo preferente (momento a partir do cal un produto pode perder cualidades tales como textura, sabor, cheiro, pero non representa ameaza algunha para a saúde), que fagan un oco na súa cesta para os alimentos feos (teñen as mesmas propiedades nutritivas que os guapos), que axusten as racións ao número de comensais e que aproveiten as sobras para elaborar novos menús.
A reutilización eríxese noutra prioridade cando queremos evitar a produción de lixo. Alongar a vida útil dos produtos constitúe un importante xesto ambiental e contribúe en boa medida ao aforro económico. Pola súa banda, a separación de residuos en orixe por tipoloxías e o depósito diferenciado dos mesmos nos contedores de recollida selectiva, representa unha gran oportunidade para darlles unha nova vida: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; marrón, que se está empezando a instaurar nos concellos, para a materia orgánica; e gris ou verde convencional, para a fracción resto.
Sogama leva a cabo, no seu Complexo Medioambiental de Cerceda, a clasificación mecánica dos envases contidos na bolsa amarela, que remite posteriormente aos centros recicladores para transformalos en novos produtos, así como o tratamento da fracción xenérica, da que separa a parte reciclable para enviar á industria transformadora e valoriza enerxeticamente a non reciclable, producindo a partir da mesma a electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
ENTIDADE DE UTILIDADE PÚBLICA
ASCM foi declarada no seu momento como Entidade de Utilidade Pública pola Xunta de Galicia. A sensibilización da cidadanía sobre a riqueza das distintas capacidades existentes na sociedade resulta clave, porque, en realidade, todos somos persoas con algún tipo de discapacidade en determinados momentos da nosa vida, sexa temporal ou permanente, e porque a nosa existencia e a nosa forma de ver as cousas pode cambiar nun só momento: un accidente laboral, doméstico ou de tráfico.
Saúdos, Departamento de Comunicación