* Con carácter previo, tiveron un encontro co presidente executivo de Sogama, quen lles explicou os pormenores da actividade industrial desta entidade, focalizada primordialmente cara á reciclaxe, relegando a valorización enerxética para a parte non reciclable
* Javier Domínguez puxo de relevo o incremento da achega dos galegos á reciclaxe da bolsa amarela no modelo Sogama ao crecer en máis dun 180% desde o ano 2008, pero pediu un maior esforzo encamiñado a dar debido cumprimento aos obxectivos de reciclaxe establecidos pola UE para os próximos anos
Cerceda, a 29 de novembro de 2022.- Representantes de empresas adheridas a Ecoembes, e asentadas en Galicia, asistiron esta mañá a unha xornada celebrada na sede de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer o funcionamento das plantas de separación de envases que operan no Complexo industrial desta entidade pública.
Os integrantes do grupo tiveron a oportunidade de ver, por unha banda, a planta de clasificación de envases procedentes da recollida selectiva do contedor amarelo, que Sogama separa automaticamente por tipos de material para remitilos aos centros recicladores, onde son convertidos en novos produtos e reincorporados ao circuíto comercial cunha nova vida, e, por outra, comprobaron de primeira man o funcionamento da planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa (contedor xenérico), que opera en liña coa industria 4.0.
A través de tecnoloxías de última xeración, nesta instalación conséguese seleccionar a parte reciclable contida na bolsa negra que, por erro ou descoñecemento, o cidadán non depositou nos correspondentes contedores de recollida selectiva, posibilitando a súa posterior remisión á industria transformadora. É o caso dos envases de vidro, envases plásticos de distintas características, briks, envases de aceiro e aluminio, etc.
A planta está dotada con 37 separadores ópticos, 8 abrebolsas, 6 separadores balísticos, 16 trómeles e 5 trituradoras.
Con carácter previo á visita guiada, o grupo tivo un encontro co presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, quen explicou os pormenores da actividade industrial desta entidade, focalizada cara á reciclaxe dos materiais susceptibles de ser reciclados e sometendo o resto a valorización enerxética. É dicir, converte en electricidade a parte non reciclable, logrando minimizar desta forma o uso do vertedoiro, a peor das opcións polo seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde.
A RECICLAXE DA BOLSA AMARELA: EN ASCENSO
Domínguez puxo de relevo o crecemento da achega dos galegos á reciclaxe da bolsa amarela, xa que dunha recepción de 11.200 toneladas de envases na planta de clasificación de Cerceda durante o ano 2008, esta cifra subiu ata as 31.680 toneladas en 2021, o que se traduce nun incremento superior ao 180%.
Con todo, incidiu en que non debe caerse na autocompracencia e apelou á maior implicación da cidadanía para que esta cifra continúe en liña ascendente, contribuíndo desta forma a alcanzar os esixentes obxectivos de reciclaxe establecidos pola Unión Europea para os próximos anos.
Así mesmo, agradeceu aos representantes de empresas punteiras tales como Calvo, Mercadona, Gadisa, Augas de Cabreiroá, Zelnova Zeltia, Nueva Pescanova e Inditex, o seu interese en coñecer a operativa de Sogama e subliñou a importancia da colaboración do tecido empresarial na redución de residuos, a través de medidas de prevención e de ecodeseño, e a reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación