- Os integrantes do grupo foron recibidos polo presidente desta compañía pública, Javier Domínguez Lino, quen explicou os pormenores de melloras acometidas no Complexo cercedense.
- Así mesmo, tiveron a oportunidade de ver a exposición fotográfica inaugurada o pasado 20 de xaneiro con motivo do 20 aniversario da da entrada en funcionamento desta infraestrutura industrial.
- A xornada concluíu cun percorrido guiado polas distintas instalacións nas que se trata o residuo para a súa transformación en recurso.
Cerceda, a 21 de febreiro de 2020.- Representantes de entidades integradas en APROEMA (Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia), entre as que se atopa Sogama, visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña) a fin de coñecer de primeira man a actividade da nova planta de recuperación de materiais, que permitirá á Sociedade Galega do Medio Ambiente incrementar a súa achega ao reciclado e chegar leste mesmo ano ao vertido técnico cero.
O grupo, liderado pola directora da Asociación, Sara Domínguez, foi recibido polo presidente desta compañía pública, Javier Domínguez Lino, tendo tamén a oportunidade de ver a exposición fotográfica inaugurada o pasado 20 de xaneiro, coincidindo co 20 aniversario da posta en marcha do Complexo Medioambiental, e na que se deixa constancia dos 20 fitos máis relevantes que marcaron a historia desta infraestrutura, convertida a día de hoxe na máis moderna, eficiente e innovadora de Europa e referente para o resto do mundo.
Tras unhas breves explicacións por parte do presidente da compañía sobre o proceso de mellora e ampliación do complexo cercedense, que conta hoxe con capacidade suficiente (1 millón de toneladas) para tratar en condicións óptimas todos os residuos urbanos producidos en Galicia, o colectivo, acompañado por técnicos da Sociedade, realizou un percorrido guiado polas distintas instalacións, prestando especial atención á nova planta de recuperación de materiais como exemplo no ámbito da innovación aplicada a residuos
En liña coa industria 4.0, esta planta consegue separar, a través de tecnoloxías de última xeración, ata 11 tipoloxías de materiais que son remitidos aos centros recicladores, onde cobran unha nova vida. Desta forma, Sogama incrementará exponencialmente a súa achega á reciclaxe, alcanzando nos próximos meses o vertido técnico cero, 15 anos antes do estipulado polo Parlamento Europeo.
SOBRE APROEMA
APROEMA é unha asociación empresarial autonómica sen ánimo de lucro, con sede en Vigo, que se crea por iniciativa dun grupo de empresarios do sector ambiental galego a fin de representar e defender os seus dereitos e actuar como un foro de debate aberto en defensa do medio ambiente.
Saúdos, Departamento de Comunicación