- Así o afirma FEAD, a Asociación Europea de Xestión de Residuos, quen considera que as entidades do sector engaden valor mediante a recollida, clasificación e reciclaxe de materias primas secundarias
- A pretensión da organización é alcanzar o 75 % de reciclaxe de todos os residuos (non só municipais) na UE para 2035, o que de feito requirirá asociacións de cadeas de valor de economía circular que conecten o sector da xestión dos residuos coa produción industrial
Cerceda, a 12 de febreiro de 2024.- O pasado 6 de febreiro, a Comisión Europea presentou unha Comunicación fundamental na que se describe o obxectivo climático para 2040 dunha redución neta do 90 % das emisións de GEI en comparación con 1990, pretendendo con isto situar á UE nunha senda firme cara á neutralidade climática de aquí a 2050.
Entre outras cousas, a Comunicación destaca a importancia dunha axenda renovada para a economía circular, sentimento compartido por FEAD, comprometéndose a acelerar a incorporación de materias primas secundarias á economía.
A visión de FEAD é cambiar o uso xeral de materiais en Europa cara a materiais reciclados a través da excelencia industrial na xestión de residuos. Para isto, o seu obxectivo é alcanzar o 75 % de reciclaxe de todos os residuos (non só municipais) na UE para 2035, o que de feito requirirá asociacións de cadeas de valor de economía circular que conecten o sector da xestión dos residuos coa produción industrial.
Este ambicioso obxectivo tamén se aliña cos obxectivos máis amplos da UE de reducir a dependencia das importacións de materias primas críticas e mitigar o impacto ambiental vinculado á extracción e consumo de recursos naturais. A circularidade impulsa a seguridade e a autonomía estratéxica aberta da UE.
Para alcanzar a neutralidade climática para 2050, necesítanse solucións de captura, utilización e almacenamento de carbono (CCUS) e de reciclaxe de carbono, coa particularidades de que as eliminacións industriais de carbono non substitúen, senón que complementan as eliminacións naturais de carbono, que seguen sendo esenciais para alcanzar o obxectivo climático e ás que o sector tamén fai importantes contribucións a través de actividades de compostaxe.
FEAD está disposta a traballar xunto coas institucións da UE para achandar o camiño cara a unha sociedade sostible, xusta e próspera. Neste sentido, considera que as empresas de xestión de residuos permiten a transición cara a unha economía circular ao producir recursos e enerxía que poden reinxectarse na economía. Engaden valor mediante a recollida, clasificación e reciclaxe innovadores e rendibles de materias primas secundarias e, como resultado, desempeñan un papel crucial para lograr os mellores resultados económicos e ambientais.
Fonte: Retema
Imaxe: Pexels