
- O proxecto foi presentado esta mañá na sede de Sogama, no marco dun encontro mantido entre representantes desta Sociedade pública e do Grupo Cogami, toda vez que Coregal é unha das firmas tractoras desta iniciativa
- O Complexo Medioambiental de Cerceda serviu de escenario para dar a coñecer un dos produtos deste traballo conxunto: tres bancos de exteriores, con distintos tamaños, fabricados con plástico reciclado galego e aceiro procedente de Ucraína
Cerceda, a 25 de abril de 2025.- Nunha continua procura de solucións ecolóxicas baseadas na economía circular para aqueles materiais cuxa reciclaxe non era viable ou ben resultaba dificultosa e cun alto custo, empresas galegas deron un importante paso adiante ao converter os plásticos non valorizables contidos nos residuos urbanos e industriais en obxectos de alto valor engadido, como é o caso de mobiliario urbano.
Isto foi posible grazas ao empeño, sinerxías e traballo conxunto das firmas Coregal (Santiago de Compostela), Greenteco Tecnología Ecológica (A Coruña) e Fundiciones Rey (Vilagarcía de Arousa), que contaron co apoio de Solteco, único fabricante de España adicado á investigación e desenvolvemento de procesos de recuperación e reciclaxe de plásticos de rexeitamento.
O proxecto deuse a coñecer esta mañá na sede de Sogama durante un encontro ao que asistiu o seu presidente, Javier Domínguez, así coma o conselleiro delegado en Galega de Economía Social, Víctor Silva, e o xerente de Coregal, Antonio Pena.
Produtos únicos, solidarios e 100% sostibles
Tras un longo e intenso labor de investigación e probas, as entidades implicadas neste proxecto conseguiron desenvolver unha ampla gama de produtos fabricados con plástico non apto para a súa reciclaxe convencional, mediante técnicas de fundición similares ás dos metais. Con isto, e máis aló da fabricación de perfilería ou mobiliario urbano, conseguiron producir materiais para o ámbito da construción (ladrillos plásticos ignífugos), tapas de sumidoiros altamente resistentes e sen ruídos, e quitamedos para as estradas que, como non podía ser doutra forma, cumpren con todas as medidas e garantías de seguridade, pero moito máis flexibles aos posibles impactos.
Dentro desta gama de produtos innovadores, cabería destacar a bautizada co nome de “Galiucrania”, integrada por mobiliario urbano con “alma galega e corazón ucraíno”, resultado dunha gran historia de solidariedade ás súas costas grazas a Fundiciones Rey que, desde o inicio da guerra en Ucraína, levou axuda humanitaria a este país e aproveitou a loxística inversa para transportar aceiro dos seus provedores ucraínos habituais, todo un xesto de fidelidade e lealdade cara ás súas máis estreitos colaboradores.
Pero, ademais do seu carácter circular e solidario, os artigos obtidos neste proxecto tamén están impregnados de economía social grazas ás achegas de Coregal, pertencente a Cogami Empresarial, unha entidade vinculada á xestión ambiental, e máis concretamente á xestión de residuos, que dá emprego a persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, contribuíndo á súa integración laboral.
Estamos, polo tanto, ante produtos únicos, froito dunha concepción empresarial autóctona e integral que conxuga a vertente económica coa ambiental e a social, e aderezada con boas dosis de solidariedade, que xa están ao dispor do sector público e privado, aos que ofrecen solucións circulares.
Economía circular galega
Estes equipos de mobiliario e pezas fabricaranse con plásticos non valorizables producidos en empresas e concellos galegos nos que Coregal efectúa labores de recollida e xestión, e transformaranse en Fundiciones Rey, sendo montados e distribuídos no conxunto da comunidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación