- Promovido por Circular Economy Club (CCA), terá lugar do 28 de outubro ao 3 de novembro.
- A través do mesmo preténdese impulsar, cunha soa voz, o deseño e a implementación de estratexias de economía circular en cidades de todo o mundo.
Cerceda, a 10 de setembro de 2019.- Do 28 de outubro ao 3 de novembro, o Circular Economy Club (CEC) celebrará o seu evento mundial inaugural “Circular Cities Week”, a través do cal pretende impulsar, cunha soa voz, o deseño e a implementación de estratexias de economía circular en cidades de todo o mundo. A cita coincidirá co Día Mundial das Nacións Unidas, que terá lugar o 31 de outubro.
“Circular Cities Week” (Semana das Cidades Circulares) é un evento mundial anual descentralizado durante o cal, e ao longo dunha semana, os seus promotores desenvolverán, en máis dun cento de cidades, talleres para identificar oportunidades e establecer os pasos a seguir para impulsar a implementación da economía circular nas súas urbes e áreas de influencia. Para isto afanaranse en atraer ás partes interesadas dos gobernos municipais, os sectores privados e sen ánimo de lucro e a universidade, facendo unha chamada á acción.
Con esta cita preténdese visualizar un mundo no que cada cidade funciona e prospera a través da circularidade, poñendo fin á era do desperdicio; un ambicioso obxectivo que, en todo caso, require claridade e prazos definidos, proporcionando “Circular Cities Week” este marco crítico.
O programa pretende fomentar un sentido de urxencia e un propósito deseñado para axudar ás partes interesadas a identificar oportunidades, desafíos e próximos pasos para apoiar o desenvolvemento da circularidade en cada cidade.
O evento ten un dobre obxectivo: por unha banda, convencer e apoiar aos gobernos municipais para que publiquen un plan estratéxico local de economía circular con obxectivos claros para a súa cidade e, por outro, crear un informe de código aberto de desafíos e oportunidades para todas as urbes participantes.
O Circular Economy Club (CEC) é unha rede internacional conformada por máis de 4.000 membros de 130 países cuxa pretensión é levar a economía circular a todos os recunchos do mundo.
Fonte e imaxe: Circular Economy Club
Saúdos, Departamento de Comunicación