- O seu obxectivo é promover o desenvolvemento urbano integrado a través de alianzas entre autoridades dos Estados membros da UE e países socios, de acordo coa Axenda 2030.
- O prazo para a presentación de solicitudes finalizará o próximo 23 de abril.
Cerceda, a 6 de abril de 2021.- A Comisión Europea publicou a convocatoria de propostas ‘Asociación para cidades sostibles’ 2021, sendo o seu obxectivo promover o desenvolvemento urbano integrado a través de alianzas entre autoridades dos Estados membros da UE e países socios, de acordo coa Axenda 2030.
En 2018, a Comisión Europea lanzou o programa ‘Autoridades locais: asociacións para cidades sostibles’, por un importe global de 164,7 millóns de euros. Unha primeira convocatoria de propostas nese mesmo ano dou como resultado a firma de 16 proxectos por valor de 53 millóns de euros.
En febreiro de 2020 fíxose un segundo chamamento coa finalidade de esgotar os fondos restantes (111,55 millóns). Non obstante, e debido á irrupción da Covid-19, só se seleccionaron 26 propostas para un orzamento total de 71,1 millóns de euros.
Neste contexto, a Comisión abriu unha terceira convocatoria á que se destinarán os case 40 millóns restantes, sendo a súa prioridade fomentar un enfoque baseado nos dereitos da cooperación para o desenvolvemento sostible da Unión Europea.
As propostas deben centrarse en fortalecer a gobernanza urbana, garantir a inclusión nas cidades, así como mellorar a resiliencia, ecoloxización, prosperidade e innovación nas mesmas.
O prazo para a presentación de solicitudes finalizará o próximo 23 de abril, ás 16:00 horas.
Fonte e imaxe: smartcity.es